Colectivos ambientalistas e sociais piden a demisión da conselleira do Mar

Rosa Quintana

Consideran a Lei de Acuicultura “o último episodio dunha estreita sintonía entre governo galego e a patronal acuícola” e din que a Xunta retirou o proxecto para “desmobilizar” de cara á manifestación deste sábado.

Unha decena de organizacións demanda a demisión da conselleira do Mar, Rosa Quintana, pola súa responsabilidade na Lei de Acuicultura e nunhas políticas que consideran “dunha estreita sintonía entre governo galego e a patronal acuícola”. Adega, a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa, a Federación Ecoloxista Galega, a APDR de Pontevedra ou o Cemma son algúns dos colectivos que subscreben un manifesto no que se convida á sociedade galega a se sumar á manifestación do 27 de febreiro, sábado, en Compostela.

“A idea de entregar as nosas rías e a nosa costa como terreo barato para o negocio das transnacionais acuícolas subxace nas actuacións políticas da consellaría do Mar”

O anuncio da conselleira de que retiraba esta lei non convence a estas organizacións, que enmarcan ese paso nun intento da Xunta de “desmobilizar” perante unha mobilización que se prevé histórica. Entenden, aliás, que “a idea de entregar as nosas rías e a nosa costa como terreo barato para o negocio das transnacionais acuícolas subxace nas actuacións políticas da consellaría do Mar”

“As nosas demandas para as Rías non rematan coa retirada desta Lei; é preciso recuperar a calidade das augas, o seu saneamento, a eliminación dos vertidos industriais que están a impedir a explotación racional dos recursos marisqueiros e pesqueiros; ao tempo, a revogación da recente prórroga de 60 anos a ENCE na Ría de Pontevedra, é unha esixencia irrenunciábel”.

AsinanADEGA, AGCT (Asociación Galega de Custodia do Territorio), APDR (Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra), CEMMA, Ecologistas en Acción, FEG (Federación Ecoloxista Galega: grupos ADEGA, ADENCO, AEMS-Ríos con Vida, APDR, Asemblea do Suído, CES, GN Hábitat, Guerrilleiros das Fragas, MEL, Naturviva, Néboa, Niño do Azor, Oureol, Vaipolorío, Verdegaia e Xevale), Grupo Naturalista Hábitat, PDRA (Plataforma pola Defensa da Ría de Arousa), Verdegaia