PDRA chama a secundar "masivamente" a mobilización en defensa do mar

Mariscadora

A plataforma asegura que a conselleira do Mar e a súa equipa "carecen de credibilidade". 

Após anunciar Rosa Quintana nunha entrevista na TVG a retirada da Lei de acuicultura o sector do mar mantén a convocatoria da manifestación prevista para este sábado en Compostela en defensa do modelo pesqueiro artesanal e contra a instalación na Galiza dunha pesca industrial. 

Neste senso, a Asociación pola defensa da ría de Pontevedra (APDR) remitiu un comunicado de imprensa un chamamento a se sumar á mobilización "masivamente". 

"Valoramos como unha conquista da unidade acadada no sector do mar, o paso atrás dado pola Xunta de Galicia anunciando a retirada do anteproxecto de lei de acuicultura"

"Valoramos como unha conquista da unidade acadada no sector do mar, o paso atrás dado pola Xunta de Galicia anunciando a retirada do anteproxecto de lei de acuicultura de Galicia", afirman, ao tempo que aseguran tanto a conselleira do Mar como a súa equipa "carecen de cridibilidade" toda vez que cos "seus continuos enganos" tentaron, din, "agochar o verdadeiro alcance e contido real dun anteproxecto feito á medida da peixecultura industrial". 

Así mesmo, poñen en valor a "unidade do sector do mar" construída, din, "en base á defensa do noso modelo socio-produtivo tradicional" e chaman a continuar adiante até "desmontar" a "andamianxe administrativa" que alicerza a política pesqueira promovida polo Partido Popular. 

Fe de grallas. Por erro atribuiuse o comunicado á APDR (Asociación para a defensa da ría de Pontevedra) cando de certo é da Plataforma en defensa da ría de Arousa (PDRA).