Un decembro de tradicións e rituais: así se celebran as festas na Galiza

Son moitos os ritos e tradicións que protagonizan o Nadal na Galiza. (Fotos: Nós Diario)
O Nadal galego está ateigado de costumes, rituais e tradicións. Felipe-Senén e Rafael Quintía, expertos en etnografía e antropoloxía, achégannos ás orixes e aos protagonistas destas datas cheas de seres mitolóxicos, troulas, tizóns, agasallos, banquetes, relixión, cantos de Nadal e aguinaldos.

Galiza é o país do millón de festas, e o Nadal non é a excepción, Hai moitas tradicións galegas ao redor destas datas, algunhas foron desaparecendo, mais hai outras que aínda perduran. O museólogo e arqueólogo Felipe-Senén explica que nas bases da cultura galega hai dous aspectos a ter en conta. Por unha parte, a tradición céltica panteísta, en relación coas catro estacións, segundo a cal entramos no tempo de Yule, segundo o calendario celta, que fai referencia ao solsticio de inverno e deixa ritos como o de decorar a árbore de Nadal. E, por outra, a tradición cristiá, cun ambiente traído á Galiza polos franciscanos, referente ao nacemento e morte de Cristo, e á epifanía. Nesta última encádranse a Noiteboa, o día de Nadal, o dos Santos Inocentes, San Silvestre, aninovo e Reis.

Hai unha serie de tradicións cristiás, como a Misa do Galo, que se ven impregnadas das características propias de celebracións máis pagás. Nesta misa de Noiteboa era habitual facer bromas, desde botar tinta na pila da auga bendita até coserlle a roupa ás mulleres por detrás para que ao levantarse non se puidesen separar. Ao igual que os Santos Inocentes, un día de gastar bromas, soltar novas falsas, colgar o burro no lombo... Era unha data especial en que se conmemoraba a matanza de nenos ordenada por Herodes. Outra das grandes riquezas do Nadal cristián é a epifanía, a adoración dos Reis Magos. “É un tema moi propio dun país de realismo máxico, como o noso”, resalta Senén. O museólogo e arqueólogo segue a liña de Risco e Cunqueiro: este é un país de magos, de noites, rodeado de música e sons propios que se perden no tempo.

Ritos e tradicións

Na Galiza non hai festa sen que haxa unha mesa e un banquete, de aí os ritos comensais e a importancia das paparotas comunais e familiares, presentes en todas estas datas. Antes mandaba a Igrexa, e daquela eran días de xaxún, non se comía carne, senón peixe. A comida característica destas festas era o bacallau con coliflor.

Outro rito da cultura galega nestas festas é o tizón de Nadal. Apagábase o lume da lareira, limpábase, e acendíase un tronco que se deixaba até o día de Reis. Conservábase porque se cría que tiña propiedades protectoras, contra as tormentas, por exemplo, ou se espallaban as cinzas nos campos para propiciar a súa fertilidade. É dicir, era “unha madeira e un lume sagrados”, relata o antropólogo Rafael Quintía.

Do Apalpador aos trubincos

O Apalpador é o protagonista absoluto do Nadal galego. Unha figura mitolóxica típica do Courel. Trátase dun carboeiro que vive no monte e baixa ás aldeas nestas datas para apalparlles as barrigas ás crianzas e deixarlles unhas castañas. “Na Galiza temos unha riqueza mitolóxica incríbel”, di Quintía, quen documentou na súa parroquia, Salcedo (Pontevedra), uns seres mitolóxicos chamados trubincos. Uns trasnos que entran pola cheminea das casas en Noiteboa e hai que escorrentalos queimando madeira para que non fagan trasnadas.

Mais non só son protagonistas os personaxes no Nadal. Felipe-Senén apela tamén á música: “Galiza é o país do mundo que máis elementos simbólicos e representativos ten en relación co Nadal”, facendo fincapé nos vilancicos e as panxoliñas. Quintía  tamén destaca os cantos de Nadal: "En Noiteboa vaise cantar as panxoliñas ou os nadais, en fin de ano as xaneiras e os aninovos, e en véspera de Reis vaise cantar os reis ou os aguinaldos". Así, as cuadrillas de mozas e mozos ían polas casas da aldea recitando estas cancións con temáticas típicas do Nadal, a cambio dun aguinaldo.“Era un canto solemne, reverencial”, di Quintía.

Seguía unha estrutura: primeiro había que pedir licenza para cantar, estas coplas eran máis alegres e rápidas. Unha vez dada a licenza, executaban o canto, que duraba 10 ou 15 minutos. Despois viñan as coplas de pedida de aguinaldo, con loanza dos da casa se o daban, ou a parte satírica de crítica no caso de que non desen nada. “Hainas moi famosas como: cantámosche os reises do kikiriki se non nos dás nada cagámosche aquí”, recorda Quintía. Precisamente, os Cantos de Reis viven hoxe un rexurdimento grazas ao labor de asociacións veciñais e culturais.

Unha mestura de tradicións que deixa un Nadal galego cunha gran riqueza cultural

Na parte superior, á esquerda, tímpano dun altar da igrexa de San Bieito do Campo, en Compostela, que representa a presentación do Neno aos Reis, o que se denomina Epifanía. Á dereita, un home pendura un enfeite dunha árbore; no centro, bacallau con coliflor, o prato típico do Nadal galego. Na parte inferior, á esquerda, os Reis Magos, nunha cabalgata, e á dereita, o principal protagonista do Nadal: o Apalpador.