Galiza perde nesta década 15% da súa poboación de menos de 19 anos

Estudantes no campus da USC nunha imaxe de arquivo. (Foto: USC)
Só unha de cada 10 persoas ten menos de 15 anos.

As Cifras poboacionais de referencia da Galiza, con datos fechados a mediados de 2024, reflicten os datos demográficos nese ano en comparativa cos exercicios anteriores. 1997 é o derradeiro ano no que na Galiza as persoas menores de idade superaban en número ás maiores de 65 anos. Desde entón, a mocidade na Galiza é cada vez "un ben máis escaso". En 2024 os galegos e as galegas menores de idade eran 414.255. Son 96.462 menos que os galegos e as galegas nesa faixa de idade que había na Galiza no inicio do século, o ano 2000. Este colectivo reduciuse en 20% en pouco máis de dúas décadas.

O Informe sobre a Cohesión da Unión Europea, as proxeccións até o final desta década indican que a poboación menor de 19 anos reducirase ao redor de 5% de media entre 2020 e 2030 no conxunto da Unión Europea. Mais, no caso galego, esa redución triplícase e abeira 15%. 

Se en 2020 había 428.000 galegos e galegas entre cero e 18 anos; e en 2024 esa cifra é de algo máis de 414.000; para cando chegue 2030 serán apenas 362.000 os habitantes na Galiza nesa faixa de idade. Perderíanse, de aquí a 203o, mozos e mozas a un ritmo de 200 cada semana. 

O informe Cifras poboacionais de referencia da Galiza recolle tamén, axustando a mira demográfica, o peso na poboación galega das crianzas e adolescentes até os 14 anos feitos. Son, en 2024, 10,7% do total da poboación galega. Hai 10 anos, en 2014, eran case 12%; en 1994 representaban 15,4% e no afastado 1984 eran máis de 22%. Daquela, unha de cada cinco persoas na Galiza tiña menos de 15 anos. Hoxe en día é unha de cada 10. Se a comparativa se estabelece a día de hoxe cos estados que conforman a Unión Europea dos 27, a imaxe que deita esta comparativa é ilustrativa do presente demográfico da Galiza: seriamos os últimos e con clara diferenza. Ese 10,7% de menores de 18 anos no total da poboación que hai na Galiza é unha porcentaxe que non se rexistra en ningún Estado europeo. A media no Estado español é de 13,6% e no conxunto da UE é de 14,9%.

De cada 100 persoas que hai na Galiza, menos de 15 (14,7) aínda non fixeron os 18 anos. Unha media que só empeora noutras catro das 257 rexións da Unión Europea: Asturias, no Estado español; e Sardeña, Liguria e Molise, en Italia.