Debe a relixión pór límites á ciencia? E a ética?

A maior parte das persoas enquisadas pola Fundación BBVA cre que a ciencia debe ser controlada polos propios científicos. (Foto: Marta Fernández / Europa Press)
O 'Estudo de Cultura científica en Europa', elaborado pola Fundación BBVA a partir de milleiros de entrevistas no Estado español, Francia, Alemaña e Reino Unido, debulla o sentir da cidadanía destes estados no que atinxe aos avances científicos, o coñecemento dos mesmos e as súas posíbeis limitacións.

Até 95% da cidadanía do Estado español considera que a relixión non debe pór límites aos avances científicos, e 42% cre que a ética tampouco debería facelo. A porcentaxe de persoas que se opón a que a relixión poña límites á ciencia é superior á doutros estados europeos como Alemaña (87%), Francia (81%) ou o Reino Unido (77%). Así o reflicte o Estudo de Cultura científica en Europa da Fundación BBVA, levado a cabo mediante enquisa a mostras representativas de 1.500 casos por Estado da poboación de 18 e máis anos nestes territorios.

Con todo, a maioría dos enquisados considera que a ética si debería fixar límites aos avances científicos, posición que resulta moi ampla en Alemaña (85%) e bastante menor, aínda que maioritaria, no Estado español (57%). O 74% dos franceses considera que a ética debe limitar os avances científicos, postura que apoian 65% dos británicos.

Atendendo a estes resultados, a maioría dos cidadáns e cidadás entende conceptos científicos elementais sobre fenómenos variados como a división celular e o papel das plantas na produción de oxíxeno, a orixe do universo ou a evolución dos seres humanos, mais o nivel de comprensión das indicacións dos antibióticos, cuestións ambientais como o cambio climático e o buraco na capa de ozono ou os xenes e a modificación xenética é "máis débil", observándose só en perto da metade da poboación.

Por exemplo, 89% das persoas enquisadas, tanto no Estado español como no resto de países, identificou como verdadeira a frase "o oxíxeno que respiramos provén das plantas", o 84% no Estado español e 78% no resto de países identificou como falsa a frase "case todos os microorganismos son prexudiciais para os seres humanos" e 59% no Estado español e 64% no resto recoñeceu como falsa a afirmación "as células dos seres humanos adultos polo xeral non se dividen".

Con todo, tamén se detecta descoñecemento sobre outras cuestións nos dominios da saúde e o medio ambiente. Así, 43% no Estado español foi capaz de identificar como falsa a idea de que "os antibióticos destrúen os virus", e unicamente 27% recoñeceu a falsidade de que "o cambio climático é debido ao buraco na capa de ozono". O estudo sinala que o 67% da cidadanía do Estado español e 74% no conxunto de países enquisados outorga moita ou bastante importancia ao feito de que unha teoría sexa publicada nunha revista científica, pero ao mesmo tempo case 50% considera moi ou bastante importante que se publique nun xornal ou canle de televisión.

Einstein, o principal referente científico

A respecto da familiaridade cos grandes científicos de todos os tempos, os resultados da enquisa mostran o perfil dominante de científicos do campo da Física, moi en especial de Albert Einstein, a unha considerábel distancia de todos os demais, con Isaac Newton, Marie Curie e Galileo Galilei mencionados en orde decrecente en case todos os países. Charles Darwin obtén tamén unha porcentaxe significativa de mencións en todos os países, e no Reino Unido e o Estado español alcanza gran relevancia Stephen Hawking, o científico das últimas décadas que máis presenza mediática alcanzou.

Científicos vinculados a contribucións máis recentes son recoñecidos, en xeral, por unha baixa porcentaxe da poboación, sendo notábel a ausencia de mencións significativas a figuras do século XX como Max Planck, Niels Bohr, Francis Crick e James Watson. Pola súa parte, Marie Curie é a única muller que alcanza unha porcentaxe alta de mencións nestes catro estados. No Estado español, aliás, alcanza 15% de mencións Severo Ochoa, en tanto que Santiago Ramón y Cajal non supera 7%.

A ciencia como "motor do progreso"

A investigación destaca que existe un "amplo consenso" arredor da idea de que a ciencia é "o motor do progreso material". As opinións tamén son favorábeis, aínda que máis divididas, no que atinxe á idea de que a ciencia pode dar resposta a todos os grandes problemas do século XXI. Os enquisados non cren que "a ciencia destrúe os valores morais da xente".

Así as cousas, en todos os estados, e de maneira destacada no español, unha ampla a maioría considera que, en orde decrecente, a enerxía solar, a biotecnoloxía, a nanotecnoloxía, a enxeñería xenética, a internet, a exploración espacial, a robótica e a intelixencia artificial mellorarán as nosas vidas, mentres que a enerxía nuclear e o Big Data dividen as opinións.

As expectativas dos enquisados son "moi positivas" a respecto da contribución da ciencia no tratamento do cancro (76% no Estado español), a prolongar os anos de vida con boa saúde (74%) e a facer fronte a pandemias como a da Covid-19 (66%).

Regulación da ciencia

Os países divídense no que concirne ao control da investigación científica. Así, no Reino Unido e no Estado español decántanse pola opción de que a mesma debe ser controlada polos propios científicos; en Francia, as opinións están divididas, mentres que en Alemaña a maioría inclínase por que este tipo de investigación sexa controlada pola sociedade. Aliás, o Estado español destaca entre os catro estados europeos analizados por unha maior confianza no tríptico da medicina (8.1 de media nunha escala de 0 a 10), a ciencia (7.5) e a tecnoloxía (7).

Nas catro sociedades confíase na democracia e o Estado de dereito, cunha media en ambos os casos dun 6,2 no caso do Estado español (un 6,7 e un 6,5, respectivamente, no caso de Francia; un 6,5 e un 6,4, en Alemaña, e un 6,3 e un 6,5, no Reino Unido). En Alemaña e Francia confíase tamén no Estado, en ambos os dous cun valor medio de 5,9, seguidos do Reino Unido, cun 5,7, e, por baixo do limiar medio de confianza, o Estado español, cun 4,8.

A investigación subliña que, tanto no Estado español como no resto de países, o nivel de proximidade coa ciencia, en termos de interese, presenza nas súas conversacións cotiás e seguimento a través de diferentes canles aumenta segundo diminúe a idade e segundo increméntase o nivel de estudos.

Precisamente, o maior nivel de proximidade recóllese entre os adultos novos, quen continúa estudando e quen ten maior nivel de estudos, así como entre quen expresa un menor nivel de relixiosidade. Tamén o grao de familiaridade cunha mostra de conceptos científicos dun amplo abano de áreas diferénciase no seo de cada sociedade e é maior entre a poboación adulta nova e con maior nivel de estudos.