28-M

Debate en Compostela: as candidatas á Alcaldía exporán as súas propostas

O tradicional debate electoral do Galo decorrerá o vindeiro 26 de abril. (Foto: Nós Diario)

O debate organizado pola Agrupación Cultural O Galo será o día 26 de abril e xa confirmaron asistencia as cabezas de lista de PP, BNG e Compostela Aberta.

A Agrupación Cultural O Galo organiza o vindeiro mércores 26 de abril un debate coas catro persoas que optan á Alcaldía de Santiago de Compostela.

O debate decorrerá no Centro Sociocultural do Ensanche e, polo de agora, xa confirmaron a súa asistencia Borja Verea (PP), Goretti Sanmartín (BNG) e María Rozas (Compostela Aberta).

Como vén sendo habitual nos períodos previos ás eleccións, O Galo reúne representantes das forzas políticas que concorren aos vindeiros comicios, neste caso, as que optan á Alcaldía de Compostela.

Neste debate terán oportunidade de expor as súas principais propostas programáticas para o Concello, ademais de analizar a situación política actual da localidade.

“Deber social”

"Para nós, como agrupación cultural do Concello, é importante darlle voz ás candidaturas que se presentan ás eleccións e escoitar o que teñen que dicir á veciñanza. Como unha entidade cultural histórica nesta cidade, cunha longa traxectoria, consideramos que é o noso deber abrir á veciñanza a posibilidade de participar nun debate sobre o futuro do noso Concello", sinala a presidenta do Galo, María Antonia Igrexas.

O debate terá lugar no Centro Sociocultural do Ensanche o día 26 de abril ás 20 horas e, até o momento xa confirmaron a participación Borja Verea, María Rozas e Goretti Sanmartín. Só está pendente a confirmación do actual alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, para completar as forzas políticas que teñen na actualidade representación no pleno do Concello de Compostela.