O DEBATE | Débese de cobrar unha taxa a turistas polo acceso a espazos públicos?

Turistas na praza de España de Sevilla. (Foto: Europa Press)
A proposta do alcalde de Sevilla de cobrar entrada a visitantes polo acceso á emblemática praza de España reaviva o debate sobre turismo e espazos públicos.

Unha medida que pode ser positiva

Ana C. Blanco. Técnica de turismo

A praza de España é un dos monumentos máis visitados de Sevilla. O conxunto monumental, obra do arquitecto Aníbal González, foi construído con motivo da celebración da Exposición Universal de 1929, e desde entón converteuse nun dos seus enclaves máis emblemáticos da capital andaluza. O Observatorio de Turismo calcula que dos case 4 millóns de turistas que aterran cada ano na cidade, a inmensa maioría, máis de 90%, visitan este anfiteatro aberto. A proposta do Concello de Sevilla de cobrar unha entrada pola visita á praza de España suscita polémica e división de opinións. As reaccións, moitas veces a bote pronto, non son as máis adecuadas para un debate sereno sobre os temas que xiran en torno a esta proposta, como a concepción do propio espazo urbano ou a turistificación e masificación das nosas cidades da man do turismo, algo que tamén en Galicia se coñecen, principalmente na súa capital.

Primeiro, non é raro que se cobre a entrada a un monumento, e a praza de España éo. Aí está a propia catedral de Sevilla, onde se cobra por entrar. Esa entrada, ademais, e según afirmou o propio Goberno local, non afectaría a sevillanos nin andaluces, senón aios turistas e visitantes, no que presentan como unha especie de taxa turística para axudar a manter e coidar este espazo privilexiado. Curiosamente, o Goberno local da cidade, do Partido Popular, é contrario a aplicar esa taxa turística, gravame que en Galicia si queren aplicar Gobernos como o da súa capital, en consonancia co que están a facer as principais cidades europeas. Pero volvendo a Sevilla e a praza de España, os espazos públicos son de dominio de todos, pero hai certos momentos nos que podes apostar por cobrar polo acceso, ben para poñer en valor ese mesmo espazo, ben para recadar fondos cos que manter ese espazo, ben para, incluso, introducir un elemento que ‘regule’ a afluencia ao mesmo e evite a masificación.  

Recentemente obsérvase a existencia duns tipos de limitacións de acceso a determinados lugares, que van desde restricións de circulación de vehículos de motor en centros urbanos ou en espazos públicos non urbanos (Lagos de Covadonga en Asturias ou Península de Formentor en Mallorca) ata o establecemento de cotas de visitantes a determinados lugares públicos (praia das Catedrais Catedrais ou as Illas Cies en Galicia, ou Cova de Alamira en Cantabria).  Ditas restricións baséanse, en maior ou menor medida no principio de desenvolvemento sostible, no de protección do medio ambiente e na conexión entre urbanismo, ordenación do territorio e turismo. As anteriores son razóns e argumentos perfectamente aplicables no espazo público urbano de uso xeral para xustificar as limitacións de acceso que no seu caso se poidan establecer 

Ao meu ver, se esa entrada que se cobra aos visitantes non é desorbitada e ten un carácter, por chamalo así, ‘simbólico’, a proposta merece ser estudiada e pode ser máis positiva do que algúns e algunhas a priori poden considerar.


Hai outras maneiras

Eduardo Romero. Sociólogo

Os espazos públicos han de ser prioritariamente un lugar de encontro entre persoas diferentes (por idade, orixe, procedencia, raza, cultura, etc.) máis aló do seu poder adquisitivo ou de onde veñan. A metade da humanidade vive nas cidades, chegando a representar a poboación urbana na actualidade case un 80% en Europa. Tras un longo período en que o Estado é o dono do poder e o piar fundamental da organización territorial, apréciase nos últimos tempos un auxe da cidade como centro de poder, como unha auténtica realidade social, económica e política de primeiro nivel na época contemporánea. 

O sector turístico vive instalado desde hai anos nunha especie de lúa de mel nalgúns destinos urbanos, que lle levou a aumentar a rendibilidade en todos os ámbitos (caso das cidades como  Venecia, Barcelona, Madrid, París, Lisboa, ou Sevilla, por poñer algúns exemplos relevantes). A chegada de máis turistas provocou un incremento do gasto dos visitantes e do emprego en sectores como a hostalaría.

O crecemento do sector turismo, en tanto factor de dinamización económica e de recuperación de economías urbanas en crises, influíu de maneira importante na conformación das cidades e, polo tanto, na conformación do espazo público. 

Pero o turismo tamén xera impactos negativos:distorsións  na economía local, desculturización do destino, sobre explotación dos recursos, degradación da contorna, masificación ou impacto negativo sobre dereitos como a vivenda...Todos eles propios dun modelo turístico caracterizado pola masificación e as consecuencias negativas sobre a poboación e os traballadores.

Entre eses impactos estaría o masificación da praza de España e a súa degradación, motivo que o Goberno local do PP argumenta para valorar cobrar por entrar a ese espazo. Unha diagnose que pode ser correcta (a da masificación dun espazo e asumir que isto xera un impacto no mesmo) leva a unha decisión errónea, ao meu ver: cobrar polo acceso a un espazo público como é unha praza central da cidade. Non unha catedral ou museo,  senón ao que é a agora sevillana, lugar de reunión, de paso, de convivencia; tamén para visitantes, turistas e viaxeiros.

Ninguén pode negar, a estas alturas e vistas as experiencias en Europa, que o turismo ten que pagar para compensar os impactos que xera. Non pode ser que un negocio tan rendible  para o sector privado e que xera tamén impactos negativos non pague. E para iso xa hai un instrumento, a taxa turística, aplicada tamén en destinos e cidades europeas sen a afluencia de visitantes. Por certo, boa parte deles de acordo con ter que pagar ese gravame, que é unha cantidade mínima. En definitiva, as prazas, como espazo urbano por antonomasia de encontro e convivencia, debería de estar á marxe destes debates que se dan no marco do risco de masificación das cidades como consecuencia do turismo masivo. Hai outras vías, outras medidas que se poden adoptar.