Por que o debate en Bruxelas sobre a protección do lobo crea controversia?

Ecoloxistas urxen a Xunta que publique datos actualizados sobre os censos de lobos na Galiza. (Foto: EuropaPress)
Adega defende o 'equilibrio' ambiental da especie

Un estudo publicado este mes na revista Animal Conservation evidencia o progresivo illamento do lobo no noroeste peninsular. O traballo, dirixido polo investigador do CSIC Miguel Clavero sinala que os territorios da Galiza, Castela e León, Asturias e Cantabria concentran a maior poboación desta especie na península.

Os territorios da Galiza, Castela e León, Asturias e Cantabria concentran a maior poboación desta especie na península

Segundo Clavero, a análise realizada durante a investigación “constata dunha realidade desfavorábel para o lobo ibérico”. Así, o estudo sostén que a mediados do século XIX a especie ocupaba arredor de 317.600 quilómetros cadrados, un 65% da superficie peninsular, fronte aos 100.000 quilómetros, o equivalente a 30%, que ocupa hoxe. O investigador xustifica as cifras argumentando que a diminución da poboación de lobos débese a “factores como a persecución directa, o esgotamento das poboacións de presas e a intensificación do uso da terra polo ser humano”.

Con todo, o biólogo e experto en lobos Pedro Alonso explica a Nós Diario que “a densidade (do lobo) é moi elevada no norte do país” e afirma que “non corre perigo”. Alonso sostén que “o desánimo da depredación constante do lobo resulta un factor de peso que encadea coa crise do rural”, pois, ante o descenso da poboación de bestas, a presa principal do lobo, a especie busca outros alimentos como becerros ou xatos. Isto xera un conflito no sector agrogandeiro que pon en cuestión a protección do canis lupus.

A Xunta cuestiona a protección do lobo

A conselleira de Medio Ambiente, xunto aos seus homónimos de Catabria, Castela e León e Asturias, pediron esta segunda feira en Bruxelas a saída do lobo da Listaxe de Especies Silvestres do Réxime de Protección Especial (Lespre) nestes territorios indicando que a especie atopa en expansión. 

A redución de protección do lobo obtivo respostas moi diversas ao respecto. Pola súa parte, Alonso opina que “é a mellor noticia para a súa conservación dos últimos anos” e argumenta que “o que se pretende cunha maior protección dunha especie é favorecer os procesos de coexistencia, pero estes non se favorecen se se elimina da ecuación a poboación local”. Ademais, asegura que o estado do lobo antes de formar parte da Lespre “non era malo”.

Porén, a asociación ecoloxista Adega denuncia que a Xunta dea conta do aumento da poboación do lobo cando non publicou datos actualizados ao respecto do censo da especie, “ben porque non os ten, ben porque non quere compartilos”. A asociación critica que a exclusión do lobo da Lespre leva consigo a súa condición como especie cinexética, un feito que non resolvería o conflito co sector agrogandeiro pois “desde 2014 non se conseguiu abater ningún individuo” polo que consideran a caza “un instrumento inútil”.

Demandas dos ecoloxistas

Adega explica a Nós Diario que o lobo ibérico é unha especie exclusiva da península e que, ademais de ser un emblema cultural, atópase no cumio da cadea trófica, polo que axuda a regular os ecosistemas: “A ausencia da presenza do lobo provocaría un gran desequilibrio ambiental”.

“A ausencia da presenza do lobo provocaría un gran desequilibrio ambiental”

Por todo isto, Adega considera “positiva” a protección da especie pois isto supón un Plan de conservación cun maior número de medidas de prevención de ataques, máis cobertura de danos e de axudas, e un investimento na sensibilización sobre esta especie.