A Xunta da Galiza cuestiona en Bruxelas a protección do lobo

Galiza, Cantabria, Castela e León e Asturias debaten sobre o futuro do cánido.
Blanco, Calvo, Vázquez, Sinkevicius e Suárez-Quiñones. (Foto: Europa Press)
photo_camera De esquerda a dereita, Guillermo Blanco, Jesús Calvo, Ángeles Vázquez, Virginijus Sinkevicius e Juan Carlos Suárez-Quiñones. (Foto: Europa Press)

A conselleira de Medio Ambiente da Galiza, Ángeles Vázquez, xunto aos seus homónimos de Cantabria, Guillermo Blanco; Castela e León, Juan Carlos Suárez-Quiñones; e Asturias, Jesús Calvo, pediu nesta segunda feira ao comisario europeo de Medio Ambiente, Virginijus Sinkevicius, que investigue a inclusión do lobo no Listado de Especies Silvestres do Réxime de Protección Especial (Lespre) nestes catro territorios.

"Estamos dispostos, os catro territorios, a que se faga unha auditoría e pedimos ao comisario que faga a investigación necesaria, que nós achegaremos eses datos", indicou Vázquez.

Ademais, a conselleira incidiu en que o Goberno español "non está a ser transparente" e pediu "que se retire o lobo" da listaxe Lespre xa que, denunciou, "foi unha decisión unilateral do Ministerio de Transición Ecolóxica sen contar con aquelas persoas que levan xestionando o lobo moitos anos".

Pola súa parte, Suárez-Quiñones engadiu que "os datos dos que parte esta decisión están equivocados" e criticou que o Estado español comunicara á UE que "o lobo está en regresión cando nos nosos territorios non é certo, está en expansión", afirmando que entre os catro concentran o 98% dos lobos do estado Español.

O asturiano Jesús Calvo sostivo que xa trasladaran ao comisario a documentación para demostrar "que a catalogación do lobo é incorrecta".
En resposta, o comisario de Medio Ambiente apuntou que o Executivo comunitario "seguirá supervisando e apoiando a situación" para atopar solucións "baseadas en datos sólidos".

A inclusión do lobo no Lespre elimina de facto a súa consideración como especie cinexética e cinxe a xestión e conservación desta a unha estratexia estatal.

Porén, asociacións ecoloxistas galegas como Adega advirten da necesaria protección do lobo e aseguran que a poboación desta especie non aumentou.

Comentarios