David Posada, investigador: "A vixilancia podería ser máis intensa cunha rede de alerta en augas residuais"

David Posada, catedrático de Xenética na Universidade de Vigo e investigador (Foto: Cinbio / UVigo).
David Posada (Vigo, 1971) é catedrático de Xenética na Universidade de Vigo. Dirixe o laboratorio de Filoxenética do Cinbio e desde febreiro de 2021 coordina Epicovigal, un proxecto baseado na epidemioloxía xenómica que busca saber da evolución do coronavirus na Galiza. A vixilancia, di, é chave para o coñecemento.

Como cre que se está a abordar a notificación de novas variantes e a evolución do SARS-CoV-2?

Creo que é un asunto que non pertence á opinión pública nin á prensa, senón á comunidade científica. A poboación, o que ten que facer é protexerse. Vacinarse, pór a máscara e manter a distancia de seguridade sen prestar máis ou menos atención á aparición dunha nova variante. É unha cuestión que compete ás comisións científicas, ás axencias de epidemioloxía e a Saúde Pública de cada país. Entendo o interese, pero a cidadanía só ten que preocuparse de si mesma.

E esperar a que a ciencia se pronuncie sobre Ómicron.

Paciencia. A ciencia necesita tempo e necesita facer experimentos. O feito de que esta variante teña un número excepcional de mutacións, per se, é motivo para investigala, mais non para escandalizarse nin asustarse mentres non haxa evidencia de por que substituíu a Delta nalgunhas zonas. Pode haber múltiples razóns. Hai que separar as que son certas das que non o son. Se se transmite máis, se provoca unha enfermidade máis severa ou é máis resistente ás vacinas explícase matematicamente, porque é unha ecuación na que se mesturan varios compoñentes. Cando poidamos illalos saberemos máis, até entón, a mesma precaución de sempre, porque isto aínda non acabou. 

Que función cumpre a vixilancia epidemiolóxica?

A vixilancia é esencial e está para tomar medidas específicas e xeográficas. Pero a quen lle corresponde obrar nese campo é a Saúde Pública, e as súas decisións responden, ás veces, a cuestións políticas e económicas, ademais de sanitarias. Ante a aparición de gromos rápidos en determinados sitios, con independencia da variante, hai que tomar medidas: probas, rastrexo, illamento. Tamén con quen vén de fóra. Debera ser sempre así. O poder de transmisión dos virus no século XXI é moi grande porque nos movemos moito. Así que Ómicron acabará chegando. Xa está aquí, e seguro que a imos secuenciar no noso laboratorio. Non sei se esta tarde ou dentro dunha semana.

Que labor de vixilancia se está a facer na Galiza?

No Estado e na Galiza a vixilancia debera ter empezado moito antes e ser máis intensa do que é. Neste sentido, debe continuar e reforzarse. Con respecto ao que se fai aquí, coñezo o traballo de Epicovigal, que naceu antes da aparición de calquera variante. Como biólogos evolutivos xa esperabamos certa diversidade por parte do virus e consideramos que a vixilancia xenómica tiña moito que achegar. O proxecto xurdiu coa vontade de estudar a historia da pandemia na Galiza, para o que xuntamos máis de 2.500 xenomas que agora imos analizar, e de vixiar en tempo real as variantes en circulación, unha información que trasladamos cada mes ás autoridades, mais sen saber que uso fan dela, se é que fan algún. O Sergas nunca falou comigo.

Epicovigal remataría este 31 de decembro, mais conseguimos unha prórroga que nos permitirá seguir facendo vixilancia nas áreas sanitarias de Lugo, Ourense, Pontevedra e Ferrol, complementaria da que o Sergas desenvolve en Vigo, Santiago e A Coruña.

A última vixilancia mensual que datos achega? 

Corresponden á semana 44 e son públicos e accesíbeis a través da páxina web de Epicovigal. O que vemos é unha predominancia da variante Delta, especificamente a través de varias subvariantes de Delta que van cambiando. Unhas gañan presenza e outras desaparecen, á espera de ver a pegada que pode deixar Ómicron nesa escala de cores que xa borrou Alpha do gráfico mensual. 

Galiza ten capacidade para seguir secuenciando?

Neste tempo xerouse unha gran capacidade técnica para secuenciar moito. Epicovigal é un consorcio no que participan os servizos de microbioloxía dos sete hospitais de referencia da Galiza e equipos de investigación das tres universidades galegas. Desde a coordinación do proxecto, a academia achegou o coñecemento necesario para que os hospitais puidesen aplicalo.

Que é o que coarta a capacidade para secuenciar mais ou menos mostras á semana? Os recursos humanos. Comprando máis máquinas aceleras o proceso, si; pero pondo máis mans, tamén. O xenoma do virus non é complicado e os medios técnicos están implantados. Sabemos que facer e como facelo.  É cuestión de cartos e de recursos humanos. 

Apuntaba a necesidade de facer unha vixilancia máis intensa. Como se pode incrementar?

Hai unha forma moi doada de vixiar que se comezou a facer só na Coruña: a secuenciación do virus en augas residuais. Despois de dar por rematado o proxecto en novembro, CovidBens vén de anunciar que continuará uns meses. Traballaban con algoritmos que funcionaban moi ben, facendo unha vixilancia complementaria do seguimento clínico dos casos. Un traballo fantástico.

Presentóuselle unha proposta á Xunta onde nos uníamos profesionais de toda a Galiza coa idea de crear unha rede de vixilancia en augas residuais, pero non tivemos resposta. Nas augas residuais está todo: gripe, novos patóxenos, bacterias superresistentes a antibióticos. Permiten crear unha gran rede de alerta, mais parece que non hai esa visión por parte do Goberno galego, partidario, máis, de resultados inmediatos.

"A epidemioloxía xenómica estourou co virus da SIDA"

A aparición dunha nova variante tende a estigmatizar o país onde se detecta, pero di moito máis da capacidade de secuenciación dese territorio, defende o investigador David Posada. "Suráfrica ten unha rede de vixilancia fantástica. O seu coordinador, Tulio de Oliveira, vén do mundo da SIDA e aprendeu moito desa doenza". Precisamente, a epidemioloxía xenómica estourou co virus VIH "e ampliouse con outros patóxenos: ébola, zika e agora co coronavirus", detalla. "Entender de onde vén é moi útil, tamén no caso particular de Ómicron". A ciencia investiga se evolucionou nunha poboación pouco vixiada, nun doente con Covid crónica ou nun animal, antes de saltar de ao ser humano. "Pode ser resultado dunha nova zoonose". En calquera caso, conclúe, "o coñecemento é a base para poder previr".