O verán de...

David Amor: "Espero poder seguir actuando toda a miña vida"

David Amor actúa durante o verán (Foto: La Marela).
Entrevistamos o actor David Amor no caderno Máis, o suplemento de verán de Nós Diario.

—En que proxectos está traballando actualmente?
Nestes momentos estou coa xira de Love está no aire, realizando actuacións por toda a Galiza e tamén por cidades e vilas fóra do país.

—Vese actuando o resto da súa vida?
Iso espero. Esta é a profesión que me gusta e á que me quero seguir dedicando o resto da miña vida, ademais agora penso que xa é demasiado tarde para cambiar, aínda que nunca o tiña pensado.

—Daralle tempo a gozar do verán?
Si, algo de tempo si que teño durante o verán. O único que non parece que nos vai deixar gozar do verán é a calor extrema destes días.

—Cal é o seu lugar fetiche ou paraíso natural en que máis lle preste estar?
Calquera da Galiza. Non teño ningún sitio en especial en que sempre veranee, de feito sempre aproveito calquera praia ou río que vexa para pórme a remollo, non teño maior preferencia.

—Hai algún lugar ao que non iría nunca de vacacións?
Non creo que haxa ningún sitio que non sexa digno de visitar.

—Un souvenir en que sempre caia?
Non son nada diso.

—Unha viaxe que teña gravada como 'a viaxe'?
Ningunha. Teño a sorte de poder viaxar moito polo traballo mais máis que unha viaxe teño gravados momentos.

—Cal foi a viaxe máis longa que fixo na súa vida?
Unha que fixen a Suramérica hai uns anos.

—Manda postais cando está fóra?
A verdade é que non.

—Algún festival ou cita cultural á que nunca falle?
A verdade é que non teño ningún en concreto. Ademais normalmente no verán estou traballando, así que é complicado poder asistir.

—Que libro lle gustaría recomendar?
Polaroid, de Suso de Toro.

—E unha serie ou película?
Serie a verdade é que é moi difícil escoller e película escollería Airbag, de Juanma Bajo que vai facer 25 anos desde a estrea.