Coronavirus Galiza: 22.477 casos activos e 509 hospitalizados, 25 na UCI

Rúas de ourense durante o Nadal. (Foto: Rosa Veiga/Europa Press)
Sanidade rexistrou catro falecementos máis, todos con patoloxías previas.

Servizo Galego de Saúde (Sergas) contabiliza 22.477 casos activos na Galiza, despois de que baixasen en 357 con respecto á xornada anterior. Pola contra, volven subir lixeiramente os novos contaxios, xa que o último reporte contabiliza 1.676, 94 novos contaxios máis.

En canto ao número de pacientes ingresados pola Covid-19 descenderon até as 509 as persoas que se atopan nun complexo hospitalario pola infección. Delas, 25 están nas Unidades de Coidados Intensivos (UCI), catro menos que na xornada anterior, mentres que 484 persoas seguen hospitalizadas en unidades convencionais, 51 menos. Os 21.968 casos activos restantes atópanse en seguimento domiciliario. En canto á taxa de positividade, volveu descender até 11%.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria redúcese nas sete. En concreto, a área da Coruña e Cee baixan a seis pacentes Covid en UCI (un menos) e a 117 os ingresados noutras unidades (nove menos); na de Vigo baixan a dous os críticos (un menos) e a 60 os doutras unidades (once menos). A área sanitaria de Lugo convértese na única sen pacientes UCI, e baixan a 46 os ingresados noutras unidades (cinco menos), mentres que na de Santiago e Barbanza descenden a seis os críticos (un menos), e a 85 os doutras unidades (catro menos).

Na de Ferrol suben a catro os ingresados en UCI (un máis) e baixan a 35 os hospitalizados noutras unidades (catro menos), e na de Pontevedra e O Salnés queda só un crítico (un menos) e 74 os doutras unidades (oito menos). Na área sanitaria de Ourense mantéñense seis pacientes hospitalizados en UCI e baixan a 77 os pacientes Covid noutras unidades (dez menos).

Descenso dos casos activos

O descenso non é xeralizado nas sete áreas sanitarias, xa que a de Lugo ten un lixeiro incremento (+30). A da Coruña e Cee vai á cabeza en descensos (-186), seguida da de Ourense (-87), Pontevedra e O Salnés (-62), Vigo (-28), Santiago e Barbanza (-17), mentres que Ferrol foi igual.

 A área da Coruña, con 4.724 casos, segue a ser a que máis casos activos contabiliza; seguida da de Vigo, con 4.527; Santiago e Barbanza, con 3.918; Lugo, con 2.702; Ourense, con 2.679; Pontevedra e O Salnés, con 2.392, e a de Ferrol, con 1.307.

Segundo o último informe actualizado a 22 de febrero polo Ministerio de Sanidade, a incidencia acumulada a 14 días na Galiza está en 1.126,26 casos por 100.000 habitantes.

Seguen a baixar os contaxios

Desde o comezo da pandemia contabilizáronse 492.429 novas infeccións, das que 116.613 corresponden á área de Vigo; 103.418, á da Coruña e Cee; 77.213, á de Santiago e Barbanza; 58.654, á de Ourense; 56.892, á de Pontevedra e O Salnés; 51.302 á de Lugo; e 27.757, á de Ferrol.

Na xornada deste domingo leváronse a cabo 4.129 PCR, que elevan a 3.683.227 as probas realizadas desde o inicio da pandemia na Galiza e 3.476 test de antíxenos, que suman 1.513.305.

Falecidos e curados

Consellaría de Sanidade comunicou o falecemento de tcatro persoas nos últimos días que contaban con patoloxías previas, o que eleva a 3.086 os finados pola Covid desde o comezo da pandemia.

En canto aos curados, desde o comezo desta crise sanitaria 466.919 personas superaron satisfactoriamente a Covid-19.