"Datos alarmantes" nos encoros situados na bacía Miño-Sil

Imaxe do encoro de Portas. (Foto: Twitter)
Mantense a alta preocupación pola situación dalgúns encoros, en niveis moi baixos a pesar de que aínda restan varias semanas para que as precipitacións volvan enchelos, advertiu a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade.

Varios encoros da Demarcación Hidrográfica Miño-Sil teñen “datos alarmantes” dos seus niveis de auga, aseverou a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, que recoñeceu que o “13% ou 15% de ocupación” nalgúns casos está a provocar “unha alerta social”.

“Permitir baixar do 20% é irresponsábel porque aínda quedan semanas para que a auga chegue aos encoros de forma continua”, explicou Vázquez, que salientou que “falamos de baixadas de nivel que están causando unha preocupación importante no Goberno”.

Os encoros sobre os que a Xunta da Galiza amosa maior preocupación son os de Portas, Cenza (ámbolos dous en Vilariño de Conso), Salas (Muíños) e Belesar (entre Taboada, Chantada, O Saviñao, Paradela, O Páramo, Guntín e Portomarín). Os dous primeiros non superan o 15% da capacidade, cifras que non atinxiran en todo 2020, mentres que Salas e Belesar están arredor do 30%, un nivel de auga que non acadaron o ano pasado até finais de outubro.

O das Portas, que explota Iberdrola, é o que ocupa a maior atención por parte da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, revelaron esta segunda feira, ao ser o segundo con máis capacidade da institución. O nivel actual dificulta que os hidroavións carguen auga no caso de incendios forestais.

Hai catro días, a Confederación reclamara “responsabilidade” a Iberdrola e Naturgy, as concesionarias das infraestruturas, mentres que o Goberno do Estado abriu un expediente informativo ás empresas.

O sábado, era a Xunta da Galiza a que anunciaba que fará un seguimento da evolución dos caudais para, eventualmente, exixir responsabilidades ás compañías eléctricas privadas.

O ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, titular destes encoros, “tería que ter previsto estes casos e fixar niveis mínimos de ocupación”, apuntou Vázquez. “Preguntámonos cales son os niveis mínimos na Confederación e cando foi a última comisión do nivel dos encoros”, continuou a conselleira, que incidiu na diverxencia entre a normativa galega e estatal, “a Xunta estabelece un nivel mínimo de ocupación do 20%, e, antes de chegar a ese número, ten que haber autorizacións previas”.