Ensino

A ABAU 2024 xa ten data: estes son os prazos que debes coñecer

Alumnado na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC nunha das probas da ABAU. (Foto: Arxina)
Na proba de Lingua Galega da selectividade do vindeiro ano non entrará a historia do idioma galego anterior a 1981.

A convocatoria ordinaria da Avaliación do Bacharelato para o Acceso á Universidade (ABAU) de 2024 celebrarase entre a terza feira 4 e a quinta 6 de xuño. Así o acordou a Comisión Interuniversitaria da Galiza (CiUG) nunha reunión decorrida esta sexta feira, na que tamén se puxo data á convocatoria extraordinaria: da terza feira 2 á quinta 4 de xullo.

A principal novidade é que a extraordinaria será a primeira semana de xullo e non a segunda. Isto permitirá, explica o ente organizador da selectividade galega, que o alumnado realice a súa solicitude de preinscrición de ingreso nos graos universitarios entre o 18 e o 22 de xullo xa coas notas definitivas e non coas provisionais, que sempre están suxeitas a posíbeis modificacións.

A CiUG subliña o "grande esforzo" realizado para poder desenvolver a ABAU en tres xornadas, a pesar dos "moitos cambios" que poden experimentar as probas de acceso á universidade tanto nos próximos modelos de exame como nos currículos, ao que se suma a aparición de novas materias en 2º de Bacharelato.

Ademais, confirma a intención de "minimizar os desprazamentos" dos alumnos e alumnas dada a dispersión poboacional do país, polo que as probas seguirán a organizarse nos sete campus universitarios das cidades e en centros específicos na Rúa (Valdeorras), Cee (comarca de Fisterra) e Viveiro (A Mariña).

A historia do galego no franquismo, fóra da ABAU

Unha circular da Comisión Interuniversitaria da Galiza (CiUG), órgano encargado de organizar os exames da proba de Avaliación de Bacharelato para o Acceso á Universidade (ABAU) elimina, para o exame de lingua galega, calquera posibilidade de realizar unha análise histórica e sociolingüística anterior ao ano 1981. “As preguntas sobre historia da lingua centraranse no galego despois da súa oficialización en 1981”, di textualmente a circular.

A xustificación que desde a CiUG deron a respecto desta mudanza xira a redor da entrada en vigor do decreto da Xunta da Galiza que modifica os contidos do bacharelato no país. Con todo, a CiUG tiña a postestade de mater o temario da ABAU como estaba até o de agora, polo que se ben a decisión é da CiUG, a responsabilidade última recae no Executivo galego.