“O das reválidas non hai quen o entenda”

O boicot a estes exames foi de 80% no ensino público galego. Un ano máis, as familias optaron por non enviar a fillos e fillas a estas probas que tan só defende a Consellería de Educación. “A Xunta debería tomar nota da oposición ás reválidas”, aponta Suso Bermello, de CIG-Ensino. E nais como Carme non ven proveito algún a este tipo de probas: “Son un inconveniente en todos os sentidos”.

Máis un ano reválidas e máis un ano, boicot masivo ás mesmas.  Por volta de 80% de absentismo no ensino público galego naqueles graos chamados a ter que pasar esta terza e cuarta feira esas probas: o alumnado de 3º e 6º de Primaria, así como de 4º da ESO. “Non ten explicación que a Xunta teime en mantelas”, afirma Suso Bermello, da CIG-Ensino, principal sindicato no ensino, e membro Plataforma galega en defensa do ensino público. “Se non hai máis boicot e porque moita xente non ten con quen deixar os nenos e nenas eses días e mándaos a clase”, afirma Manuel, pai dun neno de 3º de Primaria que non foi a aulas estes días. “Ficou coa aboa, pero houbo compañeiros que si foron porque non había quen quedase”.

Durante estes anos o alto absentismo nos días nos que a Xunta fixaba as reválidas semella que non afectaron a Consellería de Educación, que mantén estas probas. “O boicot é alto no ensino público, tanto nos centros urbanos como nos do rural, tanto nos de Primaria como Secundaria”, indica Bermello, que lembra que outros territorios do Estado optaron por non aplicar a Lomce, cuxa fin definitiva é cuestión de tempo.

“O das reválidas non hai quen o entenda”, afirma Carme, nai doutra nena, tamén de 3º de Primaria. “Os nenos só teñen 8 anos para ter que pasar por unha cousa que parece a selectividade, póñense moi tensos e nerviosos”. Ademais, está a opinión, moi estendida entre as familias, de que con estes exames quérese facer como un ‘mapa’ de “colexios bos e malos”.

Unha idea que tamén defende o presidente da Confederación de Anpas Galegas, Fernando Lacaci, que considera que a este formato de avaliación representa un modelo clasista e segregador que pretende dividir e encamiñar o alumnado en función dun exame. Desde a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público considéranas propias dun modelo educativo retrógrado para alén de oporse polo gasto e tensión a que se somete o alumnado de moi prontas idades “sen necesidade nin beneficios pedagóxicos para el”.

“As reválidas non convencen nin aos alumnos, nin aos profesores nin ás familias. Para que están, entón?”, pregúntase Manuel.