O boicot supera de novo o 80% nos centros públicos galegos

O rexeitamento ás reválidas non decae despois de 5 anos, destaca CIG-Ensino.

A CIG-Ensino cifra en 80% o absentismo do alumnado na primeira das dúas xornadas das reválidas implantadas pola Lomce. Así pois, houbo un moi amplo apoio por parte das familias apoio á chamada de boicot a estas probas feita pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público de Galiza. A estas probas estaba convocado o alumnado de 3º e 6º de Primaria, así como de 4º da ESO.

En declaracións a Sermos Galiza, Suso Bermello, secretario nacional de CIG-Ensino, a central maioritaria no ensino, parabenizaba o compromiso das familias e cualificaba como “moi positivo”  alata porcentaxe de seguimento do boicot. Máxime cando este é o quinto ano de aplicación das reválidas. “Non ten explicación que a Xunta teime en mantelas”, afirma, lembrando que outros territorios xa non as aplica.

O sindicato tamén agradece o apoio do profesorado e dos equipos directivos durante este boicot informando a comunidade educativa fronte á campaña de desmobilización da Consellaría de Educación.

“Despois de cinco anos o rexeitamento á Lomce e en concreto ás reválidas incluídas nesta lei volve ser practicamente unánime e moitas das familias que mandaron ás súas crianzas no día de hoxe foi pola imposibilidade de conciliar”.

O presidente da Confederación de Anpas Galegas, Fernando Lacaci, manteñen que este formato de avaliación representa un modelo clasista e segregador que pretende dividir e encamiñar o alumnado en función dun exame. Desde a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público considéranas propias dun modelo educativo retrógrado para alén de oporse polo gasto e tensión a que se somete o alumnado de moi prontas idades “sen necesidade nin beneficios pedagóxicos para el”.