De María a Sofía e de Manuel a Mateo: así mudan as preferencias

Unha nai pasea co seu bebé nun carriño. (Foto: Europa Press)

O Instituto Nacional de Estatística (INE) vén de dar a coñecer os nomes máis frecuentes para os bebés en 2020. Eis a listaxe dos dez nomes máis elixidos na Galiza.

Mateo e Sofía foron os nomes preferidos e máis utilizados para pórlles aos bebés chegados de nacer na Galiza no ano 2020, segundo os datos que vén de facer públicos o Instituto Nacional de Estatística (INE).

Mateo, con 275 frecuencias, foi o máis empregado no caso dos nenos, e Sofía, con 216, no caso das nenas. O gosto das galegas e galegos non difire das preferencias do conxunto estatal, pois Mateo e Sofía ocupan a segunda posición no “top 100” das denominacións máis frecuentes no conxunto do Estado español.

Na listaxe dos dez nomes máis utilizados para nenos, seguen a Mateo Martín, con 234 frecuencias; Lucas, con 220; Hugo, con 209; Leo, con 175; Enzo, con 146; Gael, con 146; Manuel, con 145; Daniel, con 141 e Brais, con 108.

No caso dos dez nomes máis empregados para as nenas, seguen a Sofía Noa, con 185; Martina, con 159; Lara, con 151; Valeria, con 138; Lucía, con 119; Daniela, con 117 e Sara, Vega e Vera, con 111 en cada un dos tres casos.

Nomes que se repiten

Apenas mudan as preferencias a respecto de 2019. Mateo encabezara a lista, seguido de Lucas, Martín, Hugo, Leo, Gael, Enzo, Manuel, Daniel e Pablo.

No caso das nenas, Sofía tamén fora o nome máis elixido -éo desde 2016-, seguido, de novo, por Noa, Martina, Lara, Lucía, Sara, Valeria, Alba, Daniela e Valentina.

Os nomes máis frecuentes na Galiza

En relación a todo o sector poboación, segundo o Instituto Galego de Estatística (IGE), o nome máis frecuente no territorio galego para mulleres son María (14,5%), Carmen, María del Carmen, María Carmen, Josefa, Ana María, María Dolores, Lucía, María José, Laura, Dolores, María Teresa, Sara, María Isabel, Marta, Paula, Manuela, Ana, Cristina, María Luisa, Isabel, María Jesús, Mercedes, Rosa María e Beatriz.

Manuel, cun 25,6% dos casos, é o máis frecuente para homes. Ségueno José, José Manuel, Antonio, José Luis, José Antonio, Jesús, David, Pablo, Carlos, Francisco, Daniel, Javier, Alejandro, Diego, Luis, Fernando, Miguel, Alberto, Adrián, Ramón, Jorge, Juan Carlos, Francisco Javier e Ángel.

A respecto dos hipocorísticos, tamén chegou a eles o proceso de españolización, uniformizando o proceso.