Damián Insua, investigador e meteorólogo: "No futuro aumentarán as secas, tamén as agrícolas"

Damián Insua estudou Física e especializouse en meteoroloxía. (Foto: Nós Diario).
Damián Insua (Bordel, Abegondo, 1993), investigador do Grupo de Física Non Lineal da USC e especialista en meteoroloxía, esclarece para 'Nós Diario' a xénese da "megavaga" de calor que está a vivir a Galiza e as consecuencias que eventos extremos coma este, intensos e duradeiros, poden deixar no territorio. 

—Que explica esta vaga de calor que está a afectar a Galiza con marcas históricas?
Este episodio de altas temperaturas ven ocasionado por un patrón atmosférico que chamamos de bloqueo, porque persiste durante varios días. Temos unha dorsal anticiclónica sobre a Península, que bloquea unha depresión illada en altura (DANA) situada ao leste dos Azores. O anticiclón aporta ceos pouco nubrados e mantén o aire quente confinado. Pola súa parte a depresión en altura achega un plus de calor, que transporta dende zonas subtropicais. Esta combinación é a que causa estas temperaturas extraordinarias. Unha vez que a DANA se mova cara ao nordeste irá desprazando o aire cálido cara outros países como Reino Unido, Bélxica ou Alemaña. Espéranse temperaturas por riba dos 35ºC nestes lugares menos acostumados á calor.

—Non se acorda un episodio con valores continuos tan altos.
O máis destacado desta vaga de calor seguramente sexa a persistencia. Na Galiza comezou a fin de semana pasada e non rematará até oeste domingo. Noutros lugares prolongarase aínda máis, até ben entrada a próxima semana. 

—Que diferenza esta vaga de calor doutras previas que tamén anotaron rexistros máximos?
Estamos ante un episodio que, ademais de duradeiro está a ser moi intenso. Están a caer varios récords históricos de temperatura nalgúns observatorios, como o de Ourense. O valor máis alto rexistrado até o momento recolleuse na cidade das Burgas, que a quinta feira superou o récord da terza o alcanzar os 44ºC. A estación meteorolóxica que mediu ese valor (AEMET), nunca anotara unha temperatura tan elevada dende que se instalou en 1972. Pero tamén destacan as mínimas alcanzadas de madrugada, como os 35ºC que se rexistraron en Lira.

Por último, a área afectada por esta onda tamén marca unha diferenza coas anteriores. É moi considerábel. Este tipo de episodios de altas temperaturas, tan intensos, extensos e persistentes denomínanse megavagas de calor.

—É cedo para sacar algunha conclusión sobre o impacto deste fenómeno de forma illada mais tamén nun contexto de cambio climático global?
Numerosos estudos de atribución ao cambio climático indican que o quecemento global antropoxénico está aumentando o risco de ocorrencia deste tipo de eventos. Non podemos dicir que esta vaga de calor en particular sexa culpa do cambio climático, pero si que podemos asegurar que o cambio climático fai que este tipo de episodios sexan máis frecuentes e intensos.

—E iso ten unhas consecuencias para as persoas e a súa contorna. Que impacto terán estes fenómenos extremos nos recursos e nas persoas da Galiza?
O problema da Galiza é que nos próximos anos non só se espera que as vagas de calor se intensifiquen, tamén se espera unha redución das precipitacións, debido a un reforzamento do anticiclón dos Azores. Polo momento é unha tendencia que aínda non se ve nas observacións, pero todos os modelos climáticos apuntan un futuro máis seco para a Galiza. A combinación de temperaturas máis altas con menos precipitación intensificará a evapotranspiración, reducindo así a humidade do solo.

Isto fará que aumenten as secas, incluídas as de tipo agrícola. Polo tanto, a Galiza necesitará adaptarse a este novo escenario, mellorando o manexo do uso da auga e probablemente mudando algún tipo de cultivo. Ademais, o aumento das temperaturas e da seca fará que o risco de incendios sexa cada vez maior e que a temporada de lumes se estenda cada vez máis.

A calor seguirá a ser a protagonista

Os modelos cos que se fan as proxeccións climáticas para o futuro teñen "certo grao de incerteza", aclara Damián Insua. "Pero tamén nos achegan moitas certezas. É como se tiramos unha pequena pelota por unhas escaleiras; non podemos predicir cada un dos botes que vai a ir dando a pelota, pero sabemos seguro que a pelota vai caer, non vai volver para riba". Non se sabe seguro como o cambio climático afectará a algúns fenómenos determinados, como por exemplo as cicloxéneses explosivas, pero sábese seguro que a temperatura vai seguir aumentando e isto reflectirase "nunha intensificación de episodios de calor coma o que estamos a vivir".

A medio prazo, os modelos indican que a calor seguirá a ser protagonista no que queda de verán. "É o escenario máis probábel, o que non quita que teñamos algún día fresco ou incluso con chuvias pero en xeral debería ser un bo verán".