Dá inicio a campaña de vacinación de maiores de 80 anos fronte á gripe e a Covid

VAcinas contra a Covid-19 (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
A partir do día 26 de outubro, comezarase a dobre vacinación da franxa de idade de 70 a 79 nos grandes recintos.

A Consellaría de Sanidade indicou que se inicia esta segunda feira a vacinación de persoas maiores de 80 anos fronte á gripe e a Covid, tras facelo en residencias sociosanitarias e domicilios.

Para iso, segundo informou, as persoas están a ser citadas a través de mensaxes sms remitidas aos teléfonos de contacto nos centros de cabeceira de Atención Primaria.

Tamén o fará coa vacinación fronte á gripe de nenas e nenos de seis a 59 meses de idade, para quen as súas familias deberán solicitar cita nos centros de saúde onde se lles administrará a vacina.

Dobre vacinación

Posteriormente, a partir do día 26 de outubro, comezarase a dobre vacinación da franxa de idade de 70 a 79 nos grandes recintos, ademais de continuar vacinando nos domicilios de persoas inmobilizadas do mesmo grupo de idade.

Desta forma, prosegue o calendario da campaña de vacinación conxunta gripe e Covid até chegar a todas as persoas maiores de 60 anos, embarazadas e mulleres durante o puerperio, persoas menores de 60 con condicións de risco, persoal de centros sanitarios e sociosanitarios e persoas que traballan en servizos públicos como Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, bombeiros ou Protección Civil.