CXT critica que Renfe "empeore" a media distancia de Galiza mentres mellora a longa distancia con Madrid

Estación tren Compostela
"Na política ferroviaria na Galiza os investimentos destínanse á alta velocidade sen mellorarse as liñas convencionais que manteñen as infraestruturas de hai anos".

CXT critica que Renfe "empeora" as relacións de media distancia da Galiza mentres mellora as de longa distancia con Madrid, a partir da modificación de horarios que arrinca esta terza feira, en paralelo coa inauguración comercial do novo tramo de alta velocidade  Pedralba-Zamora. 

 "Esta modificación vén marcada pola adecuación dos horarios dos trens de media distancia aos novos horarios dos trens Alvia da relación Galiza-Madrid-Galiza que ao recortar os seus tempos de viaxe modifican o seu paso polas estacións galegas", advirte a central. 

 Así, CXT afirma non entender "como a cidade máis poboada de Galiza, Vigo, queda fóra do novo servizo ferroviario que Renfe programa a partir de mañá -por esta terza feira- Pontevedra-Santiago-Ourense-Madrid". 

"Na política ferroviaria na Galiza os investimentos destínanse á alta velocidade sen mellorarse as liñas convencionais que manteñen as infraestruturas de hai anos"

 Ao seu xuízo, sería "o normal" que este servizo comezase en Vigo "evitando a necesidade de  transbordo en Pontevedra se algún viaxeiro de Vigo e da súa comarca quere utilizar este tren á primeira hora da mañá". 

 Ademais, critica "a decisión de eliminar o tren Ponferrada-Vigo con saída da cidade leonesa ás 18,34 e que pasaba por Ourense ás 21,00 horas, deixando sen posibilidade de ir e volver en tren no día aos habitantes de localidades como Monforte, Ribadavia, Filgueira,  Frieira, Salvaterra, Caldelas de Tui,  Guillarei, Porriño e Redondela". 

Na súa opinión, "mentres o tren a Madrid vai máis rápido e recorta tempos os servizos ferroviarios de media distancia entre Ponferrada e Vigo van aínda máis lentos do que xa circulaban e tardan máis tempo, sendo un exemplo da actual política ferroviaria en Galiza, onde os investimentos destínanse á alta velocidade sen mellorarse as liñas convencionais que manteñen as infraestruturas de hai anos".