Xuízo do Alvia

Maquinistas aceptaron a curva de Angrois como "animal de compañía" após constatar que era un "risco evidente"

Accidente ferroviario de Angrois, en xullo de 2013. (Foto: Europa Press)
O formador de maquinistas Manuel González alude á "improvisación" da que tiveron que botar man ante a falta de directrices por parte de Adif: "Inventabamos normas mnemotécnicas".

A curva de Angrois era "un risco evidente". Quen fala é o formador de maquinistas de Renfe Manuel González Sánchez, cunha traxectoria de máis de catro décadas na compañía ferroviaria ás súas costas. González responde afirmativamente, deste modo, á pregunta de se recibira o aviso do xefe de maquinistas, José Ramón Iglesias Mazaira, en relación ao "perigo" que supuña este treito da liña, no marco dunha nova xornada do xuízo polo sinistro mortal de 2013.

"A curva era un risco, eu pasei máis de 400 veces por aí. Puiden sufrir tamén un accidente porque o risco podería afectar calquera maquinista", recoñece. Após recibir a alerta de Iglesias Mazaira, a resposta obtida foi que era todo "legal".

"Nós aceptamos a curva de Angrois como animal de compañía, tivemos que convivir con ela até o mesmo día do accidente", sinala. Esta cuarta feira outra das testemuñas interrogadas, o responsábel de Seguridade de Renfe, Ángel Lluch, negou recibir esa denuncia. "Como non o vas recibir se o temos todos!", replica na sesión desta quinta Manuel González Sánchez, contradicindo a versión de Lluch.

O formador de maquinistas tamén fai alusión á "improvisación" á hora de actuar nesta liña Santiago-Ourense, con "normas mnemotécnicas" para circular: "Eu inventei até o 0, 0, 0, que significa para o que conduce un tren Avant que cando para ten que pór tres cuestións en cero. Esa é a miña regra", comenta.

O cadro de velocidades, aliás, "non indica para nada" o punto no que é preciso comezar a frear. Ninguén por parte de Adif deu esas directrices, asegura González Sánchez, polo que os maquinistas tiveron que "inventar e improvisar".

Unha das cuestións máis recorrentes deste xuízo é a chamada telefónica que o maquinista do Alvia sinistrado, Francisco Garzón, atendeu pouco antes de chegar a Angrois. O formador afirma que existía unha guía de "boas prácticas", mais estas eran unicamente "recomendacións" que "non tiña que saber e aplicar obrigatoriamente" o maquinista.

Coller o teléfono nese punto, di, "non" supoña un risco. "Se teño barreiras que mitigan o risco, entendo que non", salienta, en resposta a unha cuestión formulada polo representante legal de Francisco Garzón.