O curso tentará ser presencial, con distancias de 1,5 metros

Celáa, Illa e Candia compareceron após a conferencia para dar conta das medidas (Imaxe: Europa Press)
O Goberno estatal acordou coas Administracións territoriais unha serie de criterios para tratar de garantir que o curso escolar se desenvolva de maneira presencial e coa máxima seguridade. As medidas, aceptadas polas comunidades, pasan por instaurar unha distancia mínima de 1,5 metros entre o alumnado, máis do que a Xunta fixaba no seu protocolo, e pautan tamén o uso de máscara obrigatoria desde os seis anos, ventilación frecuente, lavado de mans, toma de temperatura previa ao inicio da xornada lectiva ou creación de grupos de convivencia estábeis, sen distancia mínima, nas idades temperás.

A dúas semanas do inicio das aulas para o alumnado galego de Infantil e Primaria, o Goberno estatal e as Administracións territoriais educativas e sanitarias acordaron esta quinta feira, 27 de agosto, de forma unánime –coa abstención de Euskadi, que explicou pola súa "competencia exclusiva" en Educación– unha serie de actuacións a adoptar polos centros de ensino de cara ao desenvolvemento deste curso para adaptarse á Covid-19.

O documento, que mantén sen variación as datas para o comezo do curso, recolle 29 medidas e cinco recomendacións dirixidas a "proporcionar a toda a comunidade educativa un contexto seguro, saudábel e sustentábel" coa presencialidade como "principio xeral" e tendo como premisas a "prevención, hixiene e promoción da saúde", segundo o describiu a ministra de Educación, Isabel Celáa, quen compareceu após a conferencia intersectorial xunto co ministro de Sanidade, Salvador Illa .

As determinacións, de carácter eminentemente sanitario, obrigarán a variar as directrices que a Consellaría de Educación plasmou no protocolo de adaptación ao inicio do curso ao novo contexto en cuestións de calado, como a distancia interpersoal que deberá manterse dentro dos centros. O acordo estabelece, con carácter xeral, un distanciamento de "polo menos, 1,5 metros", tal como viña reclamando a comunidade escolar galega e en contra do pautado pola Xunta, que reducía esa distancia a un metro, ou menos, ao calcularse a separación desde o centro dos pupitres.

O novo protocolo non sinala, porén, ratios máximas de alumnado por aula ou aumento de profesorado, como viñan reclamando o colectivo docente e as familias, se ben chama a "diminuír o número  de persoas coas que se interacciona e evitar as aglomeracións". Na Galiza, a ratio está fixada para Infantil e Primaria en 25 escolares, que se elevan por enriba de 32 nas etapas posteriores, aínda que existe un compromiso verbal do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo –non plasmado en ningún documento oficial–, para non superar as 25 persoas por aula neste curso.

Tampouco recolle medidas para facilitar a conciliación das familias neste contexto sanitario. Preguntada ao respecto ao remate da súa comparecencia, a ministra Celáa recoñeceu que o documento non contempla ningunha actuación, se ben garantiu "unha resposta acorde coas necesidades das familias". "O Goberno está preocupado por dar unha resposta ás familias", sinalou, para argumentar que a conciliación vai máis alá do seu ministerio ou do de Sanidade.

Ao remate do encontro, no que participaron en representación do Goberno galego a conselleira de Educación, Carmen Pomar, e o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, o Goberno galego celebrou a incorporación, no documento, da "meirande parte das medidas que xa están recollidas, ou co compromiso de incluílas nas actualizacións previstas [no Protocolo galego]", e congratulouse do consenso logrado, malia criticar que o acordo "chega tarde" e demandar fondos para a súa aplicación, aínda cando as competencias educativas son da Xunta.

Educación deberá agora modificar a súa planificación para adaptala a este acordo. Segundo avanzou Feixoo nas últimas datas, o protocolo definitivo darase a coñecer a partir do 7 de setembro, días despois da conferencia de presidentes e presidentas para avaliar o inicio do curso, fixada finalmente para o día 4.

Presencialidade

O documento pauta a presencialidade da actividade lectiva "para todos os niveis e etapas", priorizándoa para o alumnado de menor idade, como mínimo, até segundo da ESO, e deixando para "situacións excepcionais" a suspensión das aulas. Tamén, indica que se prestará apoio educativo a menores con necesidades especiais e de familias socialmente vulnerábeis, "sempre que a situación epidemiolóxica o permita". 

En canto ao persoal, deberá reducir "ao imprescindíbel" a permanencia nos centros e promoverá a realización telemática das actividades non lectivas que o permitan.

Máscara obrigatoria

Ademais da distancia interpersoal de 1,5 metros "nas interaccións entre persoas no centro", o acordo recolle a obrigatoriedade da máscara na aula, con independencia da distancia, a partir dos seis anos –sen prexuízo de exencións para casos taxados–. A Xunta xa avanzou a súa intención de "ampliar" este aspecto no seu protocolo á franxa de tres a seis anos "sempre que sexa posíbel".

Para Infantil e primeiro ciclo de Primaria, estabelécense os grupos de convivencia estábel sen limitación de distancia –as chamadas "aulas burbulla"–, para permitir a socialización e o xogo, que se recomendan en etapas posteriores. 

Hixiene, limpeza e ventilación

Nas medidas de hixiene, priorízase o lavado "frecuente e meticuloso" das mans, polo menos cinco veces ao día. Contémplanse tamén accións educativas para posibilitar unha correcta hixiene de mans e respiratoria, e uso adecuado da máscara.
Tamén se estipula que a ventilación dos centros será "frecuente", durante dez ou quince minutos como mínimo, ao inicio e final da xornada e durante os recreos,  e igualmente entre cleses, sempre que sexa posíbel. A recomendación é manter abertas as ventás todo o tempo que se poida. 

En canto á limpeza, o documento indica que se intensificará, "en especial, nos baños e lugares de maior uso". Sindicatos como a CIG xa advertiron da imposibilidade de asumir estas tarefas, que tamén se incluían no protocolo galego, sen un incremento no persoal, unha medida que, até a data, a Xunta non contempla. 

Comedores e transporte

Nas actuacións acordadas estabelécese a apertura dos comedores dos centros escolares durante todo o curso, dos que se resalta o seu "papel esencial" para garantir "o acceso a un menú saudábel para todo o alumnado". Neles, deberá garantirse a distancia interpersoal de 1,5 metros, salvo no caso de integrantes dun grupo de convivencia. Quen use este servizo terá asignado un lugar para todo o ano.

No transporte escolar tamén será obrigatoria a máscara desde os seis anoss. Como nos comedores, as alumnas e alumnos terán asignado un lugar fixo. Con todo, nas recomendacións avógase polo traslado en bicicleta ou a pé en rutas seguras como as mellores opcións de mobilidade,  opción que non casa coa orografía de moitos puntos da Galiza.

O control da temperatura, na casa

A conferencia interterritorial serviu tamén para fixar criterios sobre o control e xestión dos contaxios nos centros. O acordo pauta que o alumnado e o persoal deberán tomar a temperatura cada día, antes do inicio da xornada lectiva, mais deixa a criterio dos Gobernos territoriais o modo de seguimento, que poderá facerse no propio centro ou fóra. 

O protocolo da Xunta delegaba no alumnado ou nas súas familias, así como no persoal, o control de posíbeis síntomas mediante "enquisas de autoavaliación". Esta quinta feira, 27 de agosto, o conselleiro de Sanidade anticipou que Galiza manterá este mecanismo, entendendo que "permite máis anticipación ante a mínima dúbida, ao actuar na casa antes de acudir ao centro escolar, fronte á toma de temperatura dos centros".

Guía de actuación

No encontro, o Goberno español presentou tamén a "Guía de actuación ante a aparición de casos de Covid-19 nos centros educativos", que estabelece, só como última medida, a suspensión da docencia cando haxa transmisión descontrolada do virus.
As directrices que se recollen no documento, de carácter técnico, pasan por evitar a asistencia de persoas con sintomatoloxía compatíbel con coronavirus  e manter a actividade lectiva "extremando as precaucións" até confirmar ou desbotar o contaxio. 
No caso de que apareza un foco –tres ou máis casos–, procederase á corentena dos contactos estreitos nas aulas convencionais, e á suspensión da actividade durante dúas semana nas aulas de convivencia estábel, con illamento do alumnado. 

Se o surto afecta a varias aulas, valorarase a extensión da corentena e a suspensión de actividade dos grupos, liñas ou etapas educativas.