O curso escolar dá comezo con 747 prazas docentes sen cubrir

Comezo do curso escolar 2022-2023 nun centro de Ames (Imaxe: Arxina)

Recortes, improvisación, falta de material... O sindicato maioritario no sector do ensino, a CIG, denuncia o contexto no que deu comezo o curso escolar, nomeadamente o número de prazas docentes vacantes, que cifra en 747. Un número “alarmante”.

A primeira hora da mañá desta quinta feira, 8 de setembro, día en que encetou o curso escolar, a páxina web da Consellaría de Educación reflectía un total de 747 prazas docentes pendentes de cubrir en toda a Galiza.

Unha cifra que, a ollos da CIG-Ensino, sindicato maioritario no sector, “demostra os enormes problemas de xestión por parte da Consellaría para botar a andar o curso lectivo” e que “provoca malestar nos centros afectados pola falta deste profesorado, xa que non comezarán as clases con normalidade”.

Parte desas vacantes corresponden a substitucións de longa duración e outras son interinidades de media xornada para todo o curso escolar. “Nalgunhas prazas figura que a redución da xornada a cubrir é dun terzo malia que a contratación parcial mínima é dun medio da xornada”, denuncia a CIG.

O sindicato dirixiuse á Consellaría para que “tome as medidas oportunas” para que todas as reducións de xornadas que se cubran sexan co mínimo da media xornada.

Á mesma hora en que abrían as súas portas ao público os centros educativos esta era a situación debuxada polo portal web da Consellaría:

  • Prazas pendentes para Infantil, Primaria e EE: 224
  • Prazas pendentes para a ESO, Bacharelato e FP: 405 (274 de PES e 131 de PTFP)
  • Prazas pendentes para conservatorios de música e outras ensinanzas artísticas: 60 (20 de cátedras e 40 de profesorado)
  • Prazas pendentes para escolas de arte e deseño: 9

A estas prazas, advirte o sindicato, hai que engadir 38 para substitución de profesorado de Relixión (das que 30 son en Educación Primaria), que “ao non estar nos centros as persoas titulares tamén provocan que o profesorado teña que desatender as súas funcións para cubrir esas prazas”.

A CIG-Ensino lembra que xa advertira desta posíbel situación cando demandou da Consellaría o pasado 1 de setembro que os chamamentos comezasen o día 2 de setembro, “algo que a Consellaría non fixo, agardando á tarde da segunda feira 5 para comezar a chamar”.

O sindicato demanda “un reforzo do funcionariado dos servizos centrais que teñen que facer os chamamentos xa que somos conscientes da insuficiencia da dotación actual” e denuncia que “todos os cursos nos atopamos cos mesmo problemas, aínda que neste é aínda máis grave que nos anteriores”.

Falta de profesorado

Tamén esta quinta feira, a portavoz de Educación do PSdeG, Noelia Otero, presentou unha batería de iniciativas parlamentarias para reclamarlle á Xunta que rectifique na súa decisión de suprimir 96 docentes en Educación Infantil e Primaria no curso que comeza hoxe. Otero reclamoulle ademais ao Goberno galego que "asuma o custe de libros de texto e material e recupere o modelo de gratuidade universal nos próximos orzamentos".

O PSOE censou a a supresión de perto dun cento de docentes, logo de que a Xunta "eliminase este curso 32 unidades de Educación Infantil e outras 35 en Primaria".

Previamente, o BNG, a través do seu responsábel de Educación e viceportavoz no Parlamento, Manuel Lourenzo, denunciara o "tesoirazo" de entre 700 e 800 docentes na Galiza e pedía á Xunta que rectificase e convoque oposicións de reposición este ano.