O curso escolar comeza con perto 800 prazas de profesorado sen cubrir na Galiza
O curso escolar deu inicio esta segunda feira na Galiza en todas as etapas educativas. Mentres Alfonso Rueda afirmaba que hai unha cifra histórica de profesorado, decorrían protestas pola falta de docentes. Os orzamentos de Educación desmenten os datos da Xunta e certifican a caída do investimento.
O curso escolar 2025/2026 principiou esta segunda feira con perto de 800 prazas de profesorado sen cubrir nos diversos niveis educativos non universitarios, segundo os datos recollidos no portal de substitucións educativas da Xunta . Malia que o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, sinalou a semana pasada que o sistema educativo galego contaría neste ano académico co número máis elevado de docentes da serie histórica, esta afirmación choca cos datos do Orzamento do Goberno galego para 2025, onde se fixa un número máximo de ensinantes de 30.424.
A cifra de profesorado estabelecida para este curso é idéntica á dos tres últimos, é inferior á ofertada para o período docente de 2021/2022 e está por baixo do curso 2009/2010, cando alcanzou 30.439 ensinantes. Laura Arroxo, secretaria nacional da CIG-Ensino, sindicato maioritario entre o profesorado, sinala a Nós Diario que "o número de profesorado será insuficiente, primeiro, porque a realidade da diversidade non ten nada que ver coa de hai de 15 anos" e destaca que "a única realidade é que comeza o curso con 800 vacantes de profesorado".
O investimento educativo segue perdendo peso nas contas públicas galegas sen recuperar os niveis de gasto anteriores á chegada de Núñez Feixoo á Presidencia da Xunta da Galiza en 2009. Mentres as dotacións en educación estiveron por encima de 26% do orzamento total do Goberno galego no período 2006-2009, o investimento educativo ficou en 20% en 2023, último exercicio cos orzamentos liquidados pola Intervención Xeral da Administración do Estado (IXAE) do Ministerio de Facenda do Executivo do Estado.
A importante redución das dotacións orzamentarias para o ensino provocou recortes que afectaron a calidade do sistema educativo público. Segundo os datos achegados pola Consellaría de Educación, o Goberno galego fechou 173 centros educativos públicos desde 2009, pasando de 1.517 nesa anualidade a 1.344 no curso escolar 2025/2026. Concretamente, a maior caída deuse en Educación Infantil, que reduciu nese período a oferta en 55,2%, perdendo 113 centros e ficando na actualidade en 92, sendo 90% do total das escolas que cesaron na súa actividade de titularidade pública.
O ensino privado ficou á marxe dos recortes. A este respecto, os datos procedentes da liquidación dos orzamentos de 2023 efectuada polo IXAE confirman que a Xunta da Galiza entregou nese exercicio ao ensino privado 349 millóns de euros, o que representa 12,3% do total do investimento da Consellaría de Educación, que nese exercicio alcanzou 2.830 millóns. Nesta liña, significa á contribución máis elevada ao ensino privado de toda a serie histórica, representando un incremento de 4,5% en relación ao exercicio orzamentario de 2022.
O Goberno galego entregou ao ensino privado en concepto de concertos 2.802 millóns de euros en 10 anos. Neste período, os fondos destinados ao sistema educativo privado incrementáronse en 34,6%, pasando de 232 millóns en 2014 a 349 millóns en 2024 e aumentaron a súa porcentaxe nas contas galegas en 1,1 puntos. Precisamente, as partidas para a educación privada deron un importante salto a partir de 2017, cando chegaron a 258 millóns de euros.
O incremento do financiamento público ao ensino privado pódese seguir en todos niveis educativos. Mentres no curso 2008/2009 Galiza sumaba 3.836 aulas concertadas, a cifra chegou a 3.978 en 2025/2026, sumando 142 concertos educativos máis (+3,7)% nun contexto de redución da matrículas por razóns demográficas. A maiores, a ampliación da oferta educativa concertada focalizouse nos grandes núcleos urbanos, na maioría dos casos ligados a novos ciclos formativos con significada saída laboral.
Críticas no centros
Os recortes da Xunta están a xerar malestar na comunidade educativa. No CEIP O Grupo de Ribeira (O Barbanza) mobilizáronse esta segunda feira para reclamar unha praza de titor e máis persoal. En Moaña (O Morrazo), profesorado e familias protestaron contra o recorte de docentes no CEIP Reibón. Denuncian que a Consellaría eliminou tres prazas. A CIG-Ensino anunciou mobilizacións para o arranque do ano académico, cunha manifestación o 13 de setembro en Compostela e unha xornada de folga xeral no ensino para o 25.
Esther Martínez, presidenta de Fanpas, federación que representa Anpas duns 80 centros da comarca de Compostela, participou esta segunda feira da inauguración do curso polo Concello de Compostela, nunha visita xunto á alcaldesa Goretti Sanmartín á escola Rial de Laraño. Martínez puxo o foco nos colexios onde hai "déficit importante de profesorado" e amosou o seu apoio á mobilización no CEIP Monte dos Postes para reclamar máis persoal.
O presidente galego, Alfonso Rueda, que canda o conselleiro Román Rodríguez participou na inauguración do curso en Valga (comarca de Caldas), destacou o elevado número de docentes contratados neste curso, 153 máis, dixo. O delegado do Goberno do Estado na Galiza, Pedro Branco, resaltou que 54.000 estudantes teñen acceso a bolsa neste curso.
Ana Pontón (BNG) lamentou que a Xunta “feche aulas na pública mentres incrementa a privada”, o que provoca que haxa aulas masificadas. "O PP racanea na pública mentres rega a privada”, dixo.
Galiza é a antepenúltima comunidade en investimento
Galiza é a terceira comunidade autónoma do Estado español cun menor investimento educativo. Segundo os datos que fixo públicos a pasada semana a Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (Airef), o gasto educativo por habitante na Galiza ficou en 1.094 euros no ano 2024, é dicir, 119 euros por baixo da media estatal, fixada en 1.213 euros por habitante. O investimento educativo recollido pola Airef contabiliza os fondos destinados pola Administración para financiar todos os servizos nos diferentes niveis nos que se articula o ensino.
A Airef sinala que só Asturias e Madrid invisten en educación menos que Galiza. Así, Asturias dedica ao ensino 1.035 euros por habitante ao ano e Madrid destina 1.072 euros.
Os custos reais dos servizos educativos son máis reducidos en Asturias e Madrid que na Galiza, ao rexistrar un número moi inferior de núcleos de poboación e presentar unha realidade xeográfica cunha menor dispersión territorial.
Sobrecusto
A Xunta da Galiza cifra en 800 millóns de euros anuais o sobrecusto xerado pola dispersión na prestación dos servizos básicos, correspondéndose o 29,5% desa contía coa educación.