Cultura recoñece danos dunha canteira nun castro protexido en Mondoñedo

A canteira en Castro de Trinidade, Mondoñedo

A Consellaría de Cultura abre dilixencias informativas sobre este caso e contradí cos seus informes os emitidos no seu día polo Servizo de Patrimonio de Lugo.

A Consellaría de Cultura recoñece que unha canteira en Vilamor, Mondoñedo, ocupa terreos protexidos do Castro da Trinidade e “altera substancialmente o terreo e o subsolo" sen que a intervención "teña amparo dunha autorización desta Administración”. Unha actuación do departmento da Xunta que toma após as denuncias presentadas por Mariña Patrimonio e Adega e que, aliás, indican estes colectivos, contradí os informes do servizo de Patrimonio en Lugo.

 

Neste mesmo documento, indican Adega e MP, recoñécese que a explotación ocupa tamén “superficie do territorio histórico do Camiño de Santiago do Norte”. Patrimonio sinala que este ben patrimonial está catalogado e que en 1997 estabelecéranlle límites á canteira para protexer a mencionada zona arqueolóxica. “Uns informes que contrastan, contradín e mesmo deixan en evidencia os elaborados polo Servizo de Patrimonio Cultural de Lugo. Desde o Servizo provincial pretendíase demostrar a inexistencia do sitio arqueolóxico, así como xustificar as desfeitas provocadas por Canteras Santa Cecilia, argumentando que se trataba dunhas “antigas remocións de terras” nunha “canteira hoxe abandonada”.

 

O Servizo de Patrimonio de Lugo mesmo tiña solicitado a descatalogación deste sitio arqueolóxico, critican.

 

En 2018 Adega e Mariña Patrimonio denunciaban perante a Fiscalía a posíbel ocupación e destrución do sitio arqueolóxico pola canteira, así como o intento de desprotección do xacemento por parte do Servizo de Patrimonio de Lugo.