Denuncian na Fiscalía a destrución do Castro de Trinidade perante a permisividade da Xunta

Imaxe: Mariña Patrimonio

Adega e Mariña Patrimonio informaron  que a empresa propietaria da canteira do Monte da Trinidade puido ter ocasionado "danos irreparábeis" en boa parte deste ben patrimonial.

As asociacións Adega e Mariña Patrimonio presentaron varias denuncias ante a Fiscalía por diferentes disposicións do Departamento de Patrimonio Cultural, da Consellaría de Cultura, da Xunta que poderían ser constitutivas de delito. Unha destas denuncias fai referencia á destrución do Castro de Trinidade-Flores, situado entre os concellos de Mondoñedo e Lourenzá (Lugo).

 

“ A día de hoxe a canteira continúa a destruír o xacemento sen que a Xunta nin Concello fagan nada para evitalo”

 

Adega e Mariña Patrimonio informaron a Fiscalía de que a empresa propietaria da canteira do Monte da Trinidade “puido ter ocasionado danos irreparables na meirande parte deste ben patrimonial, e que a Xunta incumpriu o seu deber legal de protexelo, malia a ter recibido varias denuncias, tanto por parte de particulares, como da Asociación de Fabricantes de Formigón ou das organizacións Adega e Mariña Patrimonio”.

 

Estas últimas afirman que tiveron que recorrer ao Valedor do Pobo para poder acceder á documentación relacionada con estes feitos e solicitada infrutuosamente a Patrimonio Cultural. “A isto hai que engadir, que a Administración galega tiña no seu poder diferentes informes arqueolóxicos alertando de que a canteira estaba a destruír o xacemento”.