Entrevistamos Montse Fajardo

“O culpábel só é o que mata, non a vítima nin a súa contorna”

[Imaxe: SG] Montse Fajardo

Ao seu pesar, Eva, Mariluz, Tina, Ana, Irene, Marga e Begoña son as protagonistas de Invisibles, un libro impulsado polo Concello de Pontevedra e escrito pola xornalista Montse Fajardo que recolle os relatos destas mulleres maltratadas a mans das súas parellas. Unha obra necesaria que pon o foco sobre os agresores. Entrevistamos a súa autora no Sermos275. Eis un avanzo da conversa.

Faste eco do maltrato físico, mais tamén do psicolóxico. É moi revelador que unha das vítimas aluda ao “mexo baixando polas pernas”, cando sente pánico. Outra di, “que me mataba tíñao clarísimo, nin sequera sentía medo”. Estarrecedor.

 

Isto non o reflicten as estatísticas nin os estudos. Téñenme dito, “Montse, non é nada a malleira comparándoa coa devastación do psicolóxico”. Tamén me chamou a atención o caso de Ana, que tiña claro que non ía sobrevivir, mais que quería esperar a que os nenos fosen maiores, e a súa dúbida era se o home metería os restos na fosa séptica da súa casa ou da casa dos pais del. O libro recolle dous casos de actuacións diferentes cando hai nenos polo medio, o de Ana –que permanece durante anos co seu maltratador para defender as súas criaturas– e o de Irene –que decide romper e sofre o calvario, un dos máis importantes do libro, de levar os nenos co home que te maltratou cando eles che están dicindo non nos leves con el que nos fai dano–.

 

A culpa tamén desenvolve un papel central no libro. De feito, unha das vítimas di “non foi a Miguel ao único que xulgaron”. Por que?

 

O tema da culpa é unha constante en todos os capítulos. Hai culpa na muller que non denunciou; hai culpa na muller que denuncia... e non só elas senten a culpabilidade, no caso das mulleres asasinadas tamén queda coa culpa a contorna que as rodea. Intentamos enfocar a culpa no maltratador, porque a culpa nunca a ten a vítima nin a súa contorna. O culpábel sempre é o que mata, non quen está a ser vítima nin quen a rodea.

 

Outra das liñas comúns nos relatos das vítimas é a chantaxe emocional, a presión social, ese “non me van crer”, ese “eu non dou o perfil”...

 

Repítense moitas cuestións entre unhas e outras, como ese “non me van crer”. A ningunha lle cren, nin a Eva, nin a Irene, nin a Ana... en varios casos nin elas mesmas cren que son vítimas. Cando acoden a un CIM, é a psicóloga quen lles explican que están a ser maltratadas. Igual non che deu unha labazada a ti, mais igual rompeu a merecedora da nena, soltou as mans do volante do coche cos cativos diante dicindo que vos ía matar a todos, rompe os xoguetes aos nenos, chámache puta cada día... Como que non é maltrato? O problema é que as vítimas non se ven maltratadas. Imaxina entón a contorna, porque moitas das veces son persoas hiperamábeis, ou anódinas. Pois ese home encantador é o que maltrata despois e ten dúas facianas.

 

[Podes ler a entrevista íntegra no número 275 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques habituais]