Cuestionan concursos de Medio Rural por prazas en fraude de lei

Gando na Terra Chá nunha imaxe de arquivo. (Foto: Monadela)
Un colectivo de veterinarias e veterinarios de Medio Rural reclama que a Xunta informe se os dous concursos de selección que ten en marcha inclúen prazas para o persoal en abuso de temporalidade, o que sosteñen, sería unha fraude de lei, baseándose na xurisprudencia dos tribunais da Unión Europea. 

Un grupo de 32 profesionais veterinarios indefinidos non fixos da Consellaría de Medio Rural, nalgúns casos con até 20 anos de servizo, cuestionan a convocatoria dun “proceso selectivo extraordinario de consolidacións”, no que sospeitan que a Xunta da Galiza pretende sacar a concurso prazas para asignar o persoal en abuso de temporalidade, o que supón “unha fraude de lei”, salientan.

Despois de requirir a Valedora do Pobo e o Consello Galego de Colexios Veterinarios que reclamen á Xunta información sobre a inclusión destas prazas en fraude de lei en dous procesos de contratación, e que de ser así se exclúan estas prazas.

Explican que “a Administración non quixo regularizar a nosa situación e mantivo as traballadoras e traballadores nunha situación que o Tribunal de Xustiza da Unión Europea considera abusiva”.

No canto de corrixir “os erros cometidos”, “aceleran os procesos para que ás vítimas non nos reste máis que a saída dunha loita xudicial moi longa e custosa”, explica o colectivo veterinario, que critica que as e os traballadores que “sofren o abuso” sexan sancionados coa convocatoria “de procesos selectivos de concurso-oposición”, o que consideran “inxusto e desproporcionado”.

“Só pedimos que se respecten os nosos dereitos e que sexamos tratados dentro das marxes que estipulan as sentenzas” da Unión Europea, reiteran, pedindo seguridade xurídica e agardando que tanto o Consello como a Valedora intercedan “pola nosa causa e non nos abandonen á nosa sorte”.

Prazas a base de sentenzas

O conxunto de profesionais narran que, as súas prazas, “foron xeradas por cada un de nós por diferentes sentenzas xudiciais que obrigaron a Xunta a incorporalas”, polo que non entenden que, tras dúas décadas, “debamos demostrar que sabemos facer o noso traballo”, despois de que fora nomeado en agosto o tribunal dos concursos, cuxa data será publicada en outubro.

O colectivo, que se sinte “abandonado” polas entidades que median nestes conflitos, destaca que durante a relación laboral con Medio Rural, “respondemos sempre en beneficio de todas as gandeiras e gandeiros”, en moitos casos, asumindo riscos “sen ningún tipo de compensación económica”, ao tempo que contan con “cargas persoais importantes debido á idade que temos”, polo que non ven xusto “enfrontarse aos posíbeis aspirantes ás prazas que ocupamos de maneira indefinida desde hai 20 anos".