Desconfianza perante a estratexia da Xunta para as zonas vitivinícolas

Medio Rural, xunto coa Secretaría Xeral de Turismo, presentaron a estratexia de dinamización para as zonas vitivinícolas a realizar entre 2021 e 2026. Entre as máis chamativas está a creación da marca 'Viños da Galiza' e aumentar a superficie de viñedos. Organizacións agrarias como o Sindicato Labrego galego e a asociación Galega de Viticultura (AGV) fan unha primeira valoración para 'Nós Diario'.  
Un vendimador corta acios de uvas no viñedo da adega Algueira da DO Ribeira Sacra.(Carlos Castro / Europa Press)
photo_camera Un vendimador corta acios de uvas no viñedo da adega Algueira da DO Ribeira Sacra. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

Dous anos despois de ter iniciado os traballos para o desenvolvemento dunha estratexia para as comarcas vitivinícolas galegas, a consellaría de Medio Rural presentou onte as medidas que porá en marcha para dinamizar as comarcas vitivinícolas da Galiza entre 2021 e 2026. O seu responsábel, José González, explicou que estarán repartidas en 46 medidas e 299 accións, entre as que se atopa impulsar unha "marca paraugas" que levaría o nome de 'Viños da Galiza', ao tempo que se fomentaría o enoturismo, incrementando a dimensión do sector na procura da recuperación de terreos e adegas.

Así, o conselleiro expuxo diferentes medidas nas que se van avanzar, como que en 2022 estea lista a actualización do rexistro vitivinícola, que supón "boa parte dos problemas" nas Denominacións de Orixe (DO). Ademais, prevese a recuperación de terra, e implantarase, como mínimo, un polígono de viticultura por denominación de orixe o ano próximo.

Os consellos reguladores demandan duplicar a súa superficie, con peticións para obter 10.000 hectáreas máis para a súa produción, coa intención de "recuperar os mellores sitios para facer esa plantación".

A importancia dun sector chave

Na presentación das medidas salientouse a importancia dun sector que constitúe entre un 2% e un 2,5% do produto interior bruto (PIB) e xera ao redor de 3.700 empregos, cun impacto maior se sumamos a hostalaría e o turismo.

Conta con cinco denominacións de orixe protexidas (Rías Baixas, Ribeiro, Ribeira Sacra, Valdeorras e Monterrei) e catro Indicacións xeográficas protexidas (Barbanza e Iria, Betanzos, Ribeiras do Morrazo e Val do Miño-Ourense) que xestionan máis de 9.000 hectáreas de terras agrícolas nas que traballan máis de 10.000 viticultoras e viticultores e case 500 adegas, cun valor cualificado que supera os 230 millóns de euros. En termos estatísticos as adegas galegas son o 11% de todo o Estado, o 3,7% do volume de viño cualificado e o 5,9% do valor económico. 

Críticas por favorecer á gran industria

Desde a Asociación Galega de Viticultura (AGV) o seu presidente, Roberto Rivas, afirma en declaracións a Nós Diario que "sempre veremos con bos ollos e apoiaremos as estratexias e as medidas que axuden a dinamizar e impulsar o sector vitivinícola galego" por considerar que "este sector é clave para a recuperación socioeconómica de moitas comarcas do rural galego".

En todo caso di que "haberá que ler a letra pequena desta estratexia, os seus eixos, as súas medidas e as accións concretas que se propoñen e despois as asignacións orzamentarias que se aplican para o desenvolvemento destas medidas". Desconfía que "non vaia ser que esteamos diante dunha estratexia que máis que responder ao sector vitivinícola en clave social e de País, responda aos intereses dos grandes grupos de investidores que están buscando aterrar aquí" algo do que, indica, "tamén temos experiencias". 

Antonio Míguez, do Sindicato Labrego Galego (SLG), cre que as propostas "están ben como declaración de intencións mais chegan tarde" pola desaparición de adegas que tivo lugar durante estes anos, "sobre todo do interior". Para este sindicalista, nunha primeira avaliación, "dá a impresión que a estratexia baséase na creación de novas estruturas unha vez desmontadas as que había como o caso de Turgalicia".

Miguez opina que "a Xunta perdeu o tempo e a oportunidade de situármonos por diante doutras zonas vitivinícolas". O SLG sinala que estas medidas "favorecerán á grande industria e aos grandes touroperadores que son os que poden facer investimentos en enoturismo". En todo caso, a chegada ao interior do rural galego desta estratexia, apunta, "vai tardar bastante tempo".

Comentarios