Cuarta persoa falecida polo coronavirus na Galiza, que xa rexistra 333 casos

CHUAC urxencias a coruña sanidade hospital saude

Un varón de 72 anos que estaba na UCI do Chuac. 

Cuarta persoa morta polo coronavirus na Galiza. Era unha persoa de 72 anos de idade, natural de Cedeira, que estaba ingresada na UCI do Chuac e que tiña patoloxías previas.

Esta morte súmase así a ás tres anteriores. A terceira persoa falecida, de 45 anos de idade, estaba ingresado no Complexo Hospitalario Universitario A Coruña (Chuac) e tiña "moita patoloxía previa".

A segunda morte en Galiza foi a dun home de 81 anos con diversas patoloxías, ingresado no Hospital Montecelo de Pontevedra, mentres que a primeira vítima mortal no noso país foi unha muller de 92 anos con múltiples patoloxías previas ingresada en Povisa.

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos de coronavirus na Galiza ascende a 333, deles 108 son da área da Coruña, 31 da de Lugo, 34 da de Ourense, 47 da de Pontevedra, 49 da área de Vigo, 56 da de Santiago, e 8 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 11 permanecen en UCI, 63 están en unidades de hospitalización e 259 no domicilio. Polo de agora, en Galiza rexistráronse 4 altas de pacientes. 

O número de PCR realizadas é de 2.614.

No Estado español a cifra de persoas con COVID-19 é de 13.716, e xa hai que lamentar 558 mortos por este motivo.