Xuízo do Alvia

O secretario de instrución di que o interventor negou "dúas veces" a chamada co maquinista

A xuíza, Elena Fernández Currás. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
Na mañá desta terza feira arrincou a cuarta xornada do xuízo polo accidente do tren Alvia cos axentes da Policía Nacional que accederon ao lugar do sinistro como protagonistas.

O policía nacional que exerceu como secretario da instrución do accidente do Alvia ocorrido na curva de Angrois o 24 de xullo de 2013 afirmou esta terza feira que, nas primeiras declaracións tomadas nos días posteriores ao sinistro, o interventor de Renfe negou "até dúas veces" a chamada co maquinista, Francisco Garzón, instantes antes do descarrilamento.

De feito, a preguntas do Ministerio Fiscal e dos avogados das partes durante a cuarta xornada do xuízo, contestou que dita chamada "non" lle "constou" por ningunha das declaracións practicadas, senón que tivo coñecemento da mesma o día 31 de xullo, unha semana despois dos feitos, a través do rexistro telefónico.

O secretario do instrutor —o propio instrutor, que tamén estaba chamado a declarar no xuízo, xa faleceu— explicou que foi o rexistro o que constatou que, desde as 20.39 horas do 24 de xullo de 2013, Garzón mantivo esa chamada de 100 segundos co interventor nos "momentos previos do accidente".

"Desde o primeiro momento tentamos valorar algún tipo de distracción", ratificou o axente, ao responder as preguntas do fiscal Mario Piñeiro, para defender as actuacións practicadas. A "distracción" que supuxo a chamada "determinouse ao cabo de cinco días", xa que non o dixeran nin o condutor que levara o tren até Ourense, nin o vixiante de seguridade nin o propio interventor de Renfe. "Comentáronnos que non tiveron ningún tipo de contacto co maquinista", constatou. Aliás, o interventor aseguráralles que só falara con Garzón por teléfono cando ía por Ourense.

Así, o policía secretario da instrución insistiu en que "até o día 31", cando obtiveron "a información" dun dos tres móbiles que portaba, non coñeceron esa chamada.

Consultas a Renfe e Adif

Outra das claves da instrución foron as condicións de seguridade da vía, un feito que podería determinar a responsabilidade do outro acusado neste macroxuízo, o ex director de Seguridade de Adif, Andrés Cortabitarte.

Neste contexto, á marxe das gravacións realizadas ao traxecto e á curva da Grandeira, recibiuse información sobre as condicións da circulación nese treito, mais só como "un comentario", polo que a Policía pediu tanto ao Administrador de Infraestruturas como a Renfe que o acreditasen formalmente.

"A comunicación que nos fan é que o maquinista debe coñecer, pola súa habilitación, o cadro de velocidades", afirmou. Nesta liña, sobre se había algunha baliza que saltase ao superarse o máximo permitido, as dúas empresas públicas comunicaron que o sistema de seguridade estabelecido era o Asfa e que había tamén o coñecido como "pedal do home morto", que os maquinistas deben pulsar de maneira continua e, se non o fan, o tren para.

Algúns avogados de vítimas tamén preguntaron ao secretario da instrución sobre por que se incluíron no expediente unhas capturas de pantalla de Facebook cunha fotografía publicada polo maquinista —en datas anteriores ao accidente— sobre un velocímetro dun tren a 200 quilómetros por hora.

"Nós a relevancia non a valoramos inicialmente", xustificou o policía. "Achegamos todas as circunstancias que poden influír na condución dese tren. Calquera detalle, por nimio que sexa, achegouse porque aparecían unha serie de comentarios sobre a velocidade, para que fose valorado polo órgano xudicial", engadiu.

Detención de Garzón

Tamén saíron a colación durante o interrogatorio as queixas manifestadas polo propio maquinista durante a súa declaración no xuízo como acusado, o pasado 6 de outubro. Segundo criticou Francisco Garzón, cando o levaron do Hospital de Santiago ao calabozo como detido aínda tiña "tres costelas rotas" e non se podía tombar durante a noite, polo que solicitou unha cadeira que —segundo a súa versión— se lle negou.

Porén, a preguntas do avogado defensor do maquinista, o policía secretario da instrución rexeitou que se forzase a súa saída do centro sanitario —"Unicamente o trasladamos cando ten a alta hospitalaria", alegou— e que aquela noite Garzón manifestase algunha queixa, porque "así constase" no expediente.

Aliás, activouse "un protocolo para evitar que se autolesionase", porque o detido "obviamente non estaba nas súas mellores circunstancias". A xuíza interveu para cortar o rumbo do interrogatorio, porque o trato do condutor do tren no seu paso por calabozo "non é o obxecto" do xuízo.

"Se ten algún problema sobre o trato que se lle deu ao seu cliente como detido ou como investigado en sede xudicial, tiña que polo de manifesto no seu momento. Agora xa non vén a conto de nada", resolveu, de forma tallante, a maxistrada, Elena Fernández Currás.