Cuarta xornada de folga na CRTVG e concentración ante o Senado

Concentración do persoal da CRTVG (Foto: Nós Diario)
O persoal demanda a "fin dos abusos laborais".

Nova xornada hoxe de folga do persoal da CRTVG para denunciar "unha situación laboral marcada pola marxinación profesional, o trato degradante, a denegación de dereitos, as sancións e a represión", segundo o comunicado do comité intercentros da radio e televisión públicas galegas.

Esta xornada toma o relevo dos paros dos días 6, 24 e 25 de marzo; e que terá continuidade coas novas xornadas de folga o 12 e o 28 de maio, cadrando coa apertura da campaña das eleccións municipais e o propio día das votacións.

Os obxectivos da folga, lembra o comité, son reclamar o "cesamento dos abusos" e restabelecer un clima laboral "respectuoso cos dereitos das traballadoras e traballadores do ente público, erradicar o trato degradante que os superiores xerárquicos e funcionais inflixen ás persoas traballadoras ao seu cargo, realizar sen demora o estudo psicosocial acordado no Comité de Seguridade e Saúde Laboral, repór nos seus respectivos medios de orixe o persoal que -como represalia- foi trasladado da radio a internet e televisión e da televisión á radio".  

Os "traslados forzosos de medios" como "medida de castigo" é a manifestación "máis recente desa situación xa insostíbel de abusos laborais",

denuncia o comunicado.

Responsabilidade de Núñez Feixoo

Persoal da CRTVG concentrarase hoxe diante da sede do Senado, en Madrid, cadrando coa sesión na que participa como senador Alberto Núñez Feixoo, "responsábel durante o seu mandato como presidente da Xunta da grave situación de manipulación informativa e represalias ás traballadoras".