A CRTVG vén de convocar traballadoras para cubrir os servizos mínimos do 8M

Imaxe da manifestación do ano pasado en Bilbao. (Foto: Europa Press)

Malia que non é obrigatorio deixar libre ás mulleres, nas convocatorias anteriores da folga si houbo un chamamento só aos empregados para que as compañeiras puideran disfrutar do seu dereito.

A CUT denunciou hoxe, a través da súa Secretaría das Mulleres, que a CRTVG non respectará “o espírito da convocatoria de folga de mulleres e as convocará tamén a elas para traballar nos servizos mínimos” do 8 de marzo.

A pesar de que a corporación non ten a obriga de evitar ese chamamento, o certo é que segundo o sindicato o habitual viña sendo que contaran fundamentalmente cos homes do cadro de persoal nesa data.

A Central Unitaria de Traballadores destaca que, segundo a dirección desta entidade pública, o cambio de criterio dáse porque “o dereito á folga é universal e debe partir de todos os cidadáns”.

Despois deste argumento, a representación rompeu as negociacións abertas coa CRTVG e denunciou o que considera un “grave retroceso ideolóxico que prexudica os avances conseguidos co esforzo de moitas compañeiras nos últimos catro anos”.

Segundo as representantes do comité de folga da CUT que acudiron á negociación dos servizos mínimos na empresa, esta explica a mudanza porque “a convocatoria deste ano é diferente, xa que non está convocada por todos os axentes sociais -en clara alusión a outras centrais sindicais que este 8M non convocan folga nin paros-, así como en que o dereito á folga é universal e a reivindicación debe partir de todos os cidadáns”.

Para o sindicato isto “constitúe unha mostra máis da crueldade, do machismo e do paternalismo que imperan nesta sociedade patriarcal, que mesmo se atreve a utilizar o poder case absoluto de discrecionalidade empresarial para intentar abortar e invisibilizar unha folga que o contexto da pandemia revelou máis necesaria que nunca”.

“Seguimos sendo as máis precarizadas, golpeadas pola violencia machista e agora tamén pola pandemia, que nos fixo cargar co peso unha vez máis da crise en todos os eidos: laboral, familiar e de coidados e en todos eles debe notarse que pasa se nós paramos”, reflexionaron a nivel xeral desde a Secretaría das Mulleres.