A CRTVG é a única canle que emitiu o debate electoral en horario de mínima audiencia

Marta Lois (Sumar), Miguel Tellado (PP), José Miñóns (PSOE) e Néstor Rego (BNG) no debate organizado pola CRTVG.

O debate da corporación de televisión e radio públicas da Galiza decorreu ás 10 da mañá da pasada sexta feira, 14 de xullo

Máis unha vez, a televisión pública da Galiza foi a única das canles públicas e privadas que emitiu o debate dos seus candidatos e candidata ao Congreso nas vindeiras eleccións estatais que decorrerán o 23 de xullo en horario de mínima audiencia.

O plan de cobertura informativa da CRTVG para estas eleccións, ratificado pola Xunta Electoral, recollía a celebración dun debate entre as forzas representativas da Galiza, que tería lugar a sexta feira, 14 de xullo, ás 10 da mañá.

Miguel Tellado (PP), Néstor Rego (BNG), José Miñóns (PSOE) e Marta Lois (Sumar) confrontaron as súas propostas políticas nun debate matinal dunha hora de duración moderado polo xornalista Luís Ojea.

Pola contra, outras canles públicas e privadas do Estado español optaron por emitir os seus debates en prime time. En Asturias, TPA e RPA emitiron a confronta electoral ás 22.30 horas. En Andalucía, Canal Sur, ás 22.15 horas. No País Valencià, Á Punt, ás 22 horas. En Murcia, ORM, ás 20 horas.

Súmanse a esta lista Catalunya (TV2), Melilla (Play Mellilla), Aragón (CARTV), Euskal Herria (ETB2), Illes Balears (IB3), Illas Canarias (RTVC) e  Estremadura (Canal Extremadura), xunto con Antena 3 (no que confrontaron Alberto Núñez Feixoo e Pedro Sánchez en solitario) e RTVE, que será esta cuarta feira coa marcada ausencia do candidato do Partido Popular.

Todas estas canles, unhas públicas e outras privadas, emitiron o debate electoral destas eleccións estatais entre as 21 e as 22 horas, horarios de máxima audiencia.

Proposta criticada

A decisión do ente público galego de colocar o debate nun horario de pouca audiencia, foi criticado e mesmo chegou ao Parlamento da Galiza de man da deputada do BNG Olalla Rodil que afeou á CRTVG non ter posto o debate en prime time “a pesar do grande interese mostrado pola cidadanía”.

A modo de exemplo, a formación sinalou que nas eleccións xerais de 2019, o debate da TVG emitido ás 10 horas tivo unha audiencia de 13.000 espectadores, mentres que os emitidos polas canles públicas de Euskal Herria e Catalunya foron seguidos por 316.000 e 600.000 espectadores, respectivamente.