A CRTVG afasta "cautelarmente" o director denunciado por acoso de calquera produción para ela

Alfonso Sánchez Izquierdo, director xeral da CRTVG

A CRTVG saíu ao paso da noticia da denuncia por acoso interposta pola actriz Iria Pinheiro ao director do programa "Con amor e compañía" emitido pola Televisión de Galiza.

A compañía de Radio Televisión de Galicia toma a determinación de "cautelarmente" afastar o produtor José Luis Viñas Orta de calquera "produción relacionada coa CRTVG mentres non se esclarecen os feitos denunciados".

 

Porén, a CRTVG subliña que Viñas Orta -denunciado por acoso pola actriz Iria Pinheiro- non fai parte do cadro de persoal da compañía e afirma que neste momento non lle consta que manteña actividade "en ningunha produtora" que lle preste servizo á TVG.

 

Remarca nun comunicado a CRTVG que o contrato do denunciado era con "Ficción Producciones", para a realización do programa "Con amor e compañía", e enfatiza que os feitos denunciados terían tido lugar entre marzo e xuño de 2017.

 

A compañía está a recabar "información exhaustiva dos feitos por parte de Ficción Producciones", afirma entender "a sensibilidade sobre esta cuestión", mais acota que "tamén se debe respeitar a legal presunción de inocencia e agardar o curso da xustiza".