O Comité Intercentros da TVG esixe o cesamento inmediato do director denunciado por acoso

Manifesta a súa "máis absoluta repulsa" polos feitos obxecto da denuncia e expresa a súa "solidariedade e apoio" a Iria Pinheiro.

Esclarece o comité intercentros que Con amor e compañía "non é unha produción propia da TVG, senón contratada a unha produtora externa, Ficción Producciones". No curso das gravacións dese espazo o seu director tería acosado a actriz Iria Pinheiro, segundo a denuncia interposta por esta perante o xulgado de garda número tres de Compostela.

 

Embora non ser un espazo de produción propia da TVG, a representación laboral da compañía pública entende que a TVG "ten toda a responsabilidade moral e debe adoptar as medidas necesarias para proceder ao cesamento imediato do director do programa, así como para impedir que o futuro esta persoa poida voltar a prestar servizos para a radio ou a televisión públicas da Galiza".

 

Este tipo de situacións pódense producir con máis facilidade porque nos procesos de produción contratados a empresas externas non existe unha delegación "real e efectiva" en representación da TVG que "vixile" que "as producións externas cumpran coa legalidade e cos principios inspiradores dos medios públicos de Galiza, nomeadamente o respeito á dignidade humana, a igualdade entre homes e mulleres, o respeito á diversidade e á diferenza, a integración da perspectiva de xénero, o fomento de accións positivas e o uso da linguaxe non sexista".