O sector da actividade física e a práctica deportiva rebélase contra as restricións da Xunta

Varias persoas realizan actividade física nun centro especializado (Foto: Marta Fernández / Europa Press).
"Se somos actividade esencial non ten sentido que teñamos as maiores restricións", denuncian desde o ámbito da educación física e a práctica do deporte da Galiza. Malia mudar a situación epidemiolóxica desde a declaración da pandemia, aseguran que as condicións nos seus estabelecementos non mudaron a respecto de 2020.

As medidas decretadas pola Xunta o pasado 22 de xullo para a prevención e o control da Covid na Galiza "prohibe a práctica de calquera actividade física ou deportiva non federado en interiores", sinala o sector, "obrigando ao feche de ximnasios, centros deportivos, centros e escolas de pilates, ioga e calquera outro exercicio físico de carácter non formativo" en localidades con máximas restricións.

A denuncia parte dos estabelecementos afectados, organizados por comarcas mais co aval da Plataforma galega pola defensa da educación física, a actividade física e o deporte.

Desde A Mariña, Susana López, responsábel do centro Surya Ioga e Pilates, iniciou unha recollida de sinaturas en Change.org para exixirlle á Xunta que garanta a apertura dos centros de actividade física da Galiza, tamén nos concellos con maior incidencia e nivel máximo de restricións, unha solicitude dirixida tanto ao titular do Executivo galego como ao comité de expertos que asesora o Goberno sobre a pandemia.

"Esquecen no mes de febreiro a actividade física e o deporte foi declarada actividade esencial  por ser e ter un claro beneficio para a saúde das persoas, máis neste contexto da pandemia sanitaria".

Neste sentido critican que o Goberno galego equipare os ximnasios, centros deportivos e os centros especializados cos estabelecementos de lecer nocturno, "obviando completamente os datos de contaxios nos centros deportivos", cunha incidencia "ínfima", recalcan.

A mesma normativa de 2020

"A nosa normativa é exactamente a mesma que a de 2020. Copian e pegan a que había. Non se revisou, mentres noutros sectores se foron cambiando e adaptando á situación actual", incide Sonia López, para facer fincapé noutra discriminación a respecto do deporte federado "que se practica con total normalidade en todas partes", en cada caso co seu propio protocolo.

Así, o sector solicita que se revisen as medidas que limitan a súa actividade, que neste mmento obrigan os centros a traballar coa capacidade reducida a 50%, con distancia de seguridade, máscara en todo momento e actividades dirixidas só a un máximo seis persoas. E isto sempre e cando o concello no que se atopan non estea en nivel máximo. Nese suposto, a norma obrígaos a fechar.

"Pedimos que nos deixen traballar"

"A parte do ocio nocturno, somos o único sector con feche obrigatorio. Nin sequera nos deron a opción de pedir o certificado Covid para non ter que cerrar, e somos actividade esencial" insiste Susana López.

A súa iniciativa na plataforma de peticións xunta xa máis de 1.500 sinaturas ás que este sábado esperan sumar o apoio do BNG tras unha reunión na Mariña co deputado Diego Castro, voceiro de Deportes da formación nacionalista, na que tamén participarán representantes da asociación Unión Pilateira Galega.

Na xuntanza trasladaranlle a situación que atravesa o sector co ánimo de abrir camiño cara a novas solucións.

"Pedimos que nos deixen traballar", sen medidas incongruentes, discriminatorias e inxustas, engaden, xa que a práctica da actividade física e deportiva non federada non concentra de "maior incidencia de contaxios" que outros sectores, conclúe Susana López.