Cristina Terceiro é creadora de “Viaxantas”

Cristina Terceiro: “Cada viaxe ten algo moi especial e está vinculada a un momento moi concreto da nosa vida”

Cristina Terceiro viviu moitas experiencias durante as súas viaxes. (Foto: Nós Diario)
“Viaxantas” é un podcast en lingua galega que trata sobre viaxes, experiencias e boa comida. A súa creadora, a xornalista Cristina Terceiro, percorreu o mundo e a Galiza, visitando lugares máis coñecidos e algunhas paraxes e “paraísos” menos habituais. Para Terceiro, o feito de viaxar é unha oportunidade perfecta para entender mellor como funciona cada rexión e cada cultura, ao tempo que abre os ollos de como é a nosa propia cultura. “Viaxantas” está dispoñíbel en Spotify, iVoox e ApplePodcasts.

-Por que decidiu pór en marcha o seu podcast?

“Viaxantas” é un podcast de aventuras sonoras. Naceu durante os meses duros de confinamento que todas vivimos. Xa que estaba na casa e non podía viaxar nin coñecer novas culturas, que é unha das cousas que máis me gusta, empecei a ver recordos e fotografías das viaxes pasadas, e aí ocorréuseme unir dúas paixóns: o xornalismo e as viaxes. “Viaxantas” é unha maneira que eu tiven de desafogarme durante o confinamento, e pouco a pouco foime dando cada vez máis satisfaccións. O obxectivo principal é non só contar as miñas experiencias, senón traer outras persoas que poidan achegar e axudarme a falar deses destinos. Nos episodios non só viaxamos arredor do mundo, xa que a idea tamén é dar a coñecer algúns dos tesouros paisaxísticos que temos na Galiza: mesturar o turismo de aventura e internacional co turismo de proximidade, eses lugares do país que, aínda que todos poidamos coñecer, teñen segredos que a xente da zona pode contar no podcast.

-En “Viaxantas” fala só das viaxes que levou a cabo antes da pandemia?

Maioritariamente si, porque son lugares nos que eu xa estiven e teño un mínimo coñecemento. Mais se algunha das invitadas comeza a falar doutro lugar ao que eu non fun, non pasa nada, tampouco é unha limitación. Intento falar coa maior propiedade posíbel e para iso é moi importante que eu estivera xa neses sitios.

-Que pode atopar unha ouvinte dentro de cada episodio?

Intento comezar con algún tipo de pregunta ou con algo que poida espertar a curiosidade na xente que vai escoitar. Despois vén unha pequena introdución, e intento traer un convidado, aínda que non sempre é posíbel. O que fago é contar o máis destacado de cada lugar, o que a min máis me asombrou de cada viaxe. Se, por exemplo, falo dun lugar moi coñecido, non me quedo só no básico, senón que intento achegar datos que sexan descoñecidos, dar algúns consellos de aspectos que a min me serviron e ao mellor no momento de facer a viaxe non sabía. Todo desde unha perspectiva persoal. Ao mesmo tempo, se vexo que existen dúbidas ou se as ouvintes me preguntan algo, intento dar a miña experiencia nese sentido. Todo vai variando un pouco en función dos lugares dos que falo e do que vivín en cada un deles.

-Se tivese que quedar cunha das viaxes que levou a cabo até o de agora, sería...?

Sempre é difícil escoller. A verdade é que cada viaxe ten algo moi especial e está vinculada a un momento moi concreto da nosa vida. Pero, posibelmente, a viaxe á Patagonia arxentina foi unha aventura que me gustou moito e que foi moi especial. Tamén porque quizais sae un pouco do habitual e chama a atención. Algo que teño claro é que cada lugar ten a súa maxia. É difícil elixir un, porque cada un deles te namora por algo en concreto. Ademais, inflúe moito o momento vital no que chegas a cada sitio. Seguramente cando es adolescente gústache unha cousa e a medida que creces vas evolucionando.

-A nivel persoal, como cambiaron a súa perspectiva do mundo todas as viaxes que tivo a sorte de facer? 

Para min, as viaxes son fundamentais, sobre todo para entender mellor o noso mundo. Porque nós criámonos nun círculo, cunhas persoas, nun barrio ou vila determinada cunhas características propias, e viaxar ábreche a mirada. Estiven vivindo na Arxentina catro anos e cambioume a perspectiva por completo. Non se trata só de ir ás atraccións turísticas, senón tamén vincularse coa xente local, para poder entender mellor o mundo e opinar do que ocorre no día a día doutros países e culturas.