Cristina Palacios: "A rapazada trans vai 20 pasos por diante da sociedade"

Cristina Palacios é presidenta e socia fundadora da asociación de familias de menores trans Arelas.
Coincidindo coa reivindicación anual pola despatoloxización trans falamos con Cristina Palacios, presidenta da asociación Arelas, que dedica o seu traballo a acompañar menores trans que carecen de apoio familiar e a informar e asesorar familias no ámbito legal, sanitario, escolar 
ou deportivo. 

Que significa a patoloxización trans e que supón para as persoas que a sofren?
As persoas trans, se queren acceder a dereitos básicos como o DI, o pasaporte, ou a tarxeta sanitaria, e por suposto a tratamentos, precisan un diagnóstico patoloxizador e unha tutelaxe de saúde mental. Eses dereitos pasan pola imposición dun diagnóstico, o de disforia de xénero. Non importa se sofren ou non esa disforia. A despatoloxización é unha reivindicación de moitísimos anos que reclama que as persoas trans deixen de ser consideradas persoas ás que tutelar, que deben pasar obrigatoriamente por un sistema de saúde mental que tutela as súas vivencias, a súa forma de entenderse. Isto, no imaxinario colectivo, crea un estigma: se tes que pasar por saúde mental sobreenténdese que tes algunha desorde mental e que a culpa é túa. 

Cal é o seu enfoque?
Que a transexualidade existe porque se fai unha etiquetaxe dos bebés con base na súa xenitalidade. Se deixásemos de dicir que se ten pene é neno e se ten vulva, nena, non existiría. Trátase dun erro na etiquetaxe que fai unha persoa de fóra, non nas persoas trans. As crianzas trans non teñen problema de identificarse co que son, o problema pode vir despois, coas vivencias.

E o enfoque médico?
Hai sempre un cuestionamento, a presunción dun trastorno mental que inflúa, algo que non ocorre coas persoas CIS heterosexuais, nas que se dá por feito que teñen a identidade e orientación correctas. Ademais, nos casos en que estas persoas rexeitan o seu corpo, o que non sempre sucede, o ámbito da saúde mental non ten en conta a transfobia social que leva a alguén a entender que o seu corpo non é normal. A perspectiva hai que poñela nas persoas de fóra.

Cales son os problemas principais que detectan en Arelas?
Hai moito descoñecemento. Nas familias, nos centros educativos... Hai centros que descoñecen os protocolos educativos de identidade de xénero para un bo acompañamento, onde non se ten que pedir informe, e aínda os requiren para chamar á rapaza ou ao rapaz polo seu nome. No colexio pode haber patoloxización, e tamén no ámbito legal e, ás veces, no deportivo...

Hai poucas semanas coñecíase un caso de acoso LGBT+ que acabou no suicidio da menor. 
É unha cuestión moi complexa, non hai fórmulas matemáticas, pero o acoso LGBTfóbico ten na raíz o enorme descoñecemento, que trae estereotipos e prexuízos. Falta moita formación, tamén no ámbito educativo. É certo que desde que se aprobou o protocolo educativo de 2016, Arelas recibe unha demanda importante de obradoiros, charlas... Ese é o primeiro paso para tentar acabar co acoso. Nos centros nos que se fala con máis naturalidade, onde se traballa o tema, hai moito máis alumnado visíbel, porque o espazo enténdese como respectuoso e libre. Tamén o apoio familiar é moi importante. A sensación de  exclusión –sentirse fóra dun grupo, na clase, nas redes sociais ou no lecer– mingua a autoestima. Isto, xunto cunha familia que non está e co ciberacoso, xunto, é unha bomba de reloxaría.

Hai hoxe unha maior visibilidade das identidades trans?
Creo que esta rapazada está indo 20 pasos por diante da sociedade. Ten curiosidade, infórmase, busca asesoramento, contacta coas súas iguais. Temos unha rapazada empoderada forte que sae do armario, pero isto non vai acompañado pola sociedade. O problema está nunha sociedade que, a estas alturas, ten que pórse as pilas. 

Un certame para "visibilizar realidades"

 Arelas é unha das entidades que colabora co I Certame de Microrrelatos Nós Diario sobre a Diversidade Sexual, que fecha esta sexta o prazo de presentación de traballos.

"Estas actividades culturais son importantes para visibilizar e para que estas temáticas estean presentes na cultura, e non unicamente dentro dos colectivos LGBT+. Do que se trata é de visibilizar realidades. Hai que transversalizalas, abrilas a todo tipo de públicos", reflexiona Palacios.

A presidenta de Arelas apunta ademais a importancia do relato en primeira persoa.  "É moi necesario tomar a palabra en primeira persoa, visibilizar as vivencias, e certames como este axudan a sacar fóra eses relatos, mesmo en menores de idade –que poden participar con autorización–. Visibilizar, sensibilizar e crear conciencia social e deixar de pensar que estas persoas só existen en datas sinaladas", salienta.