Os cribados semanais previstos nas residencias serán só con test de saliva

Os conselleiros de Política Social e Sanidade en rolda de prensa. (Foto: Europa Press)

Os conselleiros de Política Social e Sanidade, Fabiola García e Julio García Comesaña, respectivamente, afirmaron que a estratexia supón “duplicar a frecuencia” dos controis ás e aos usuarios.

O incremento dos controis nas residencias para ter localizados posíbeis focos de coronavirus implicará a realización de máis test de saliva entre as e os usuarios e, nalgúns casos, as autoridades sanitarias farán comparativa con test de antíxenos. No entanto, o predominio non será para as PCR, que até o de agora se amosaron como as probas máis fiábeis.

A conselleira de Política Social, Fabiola García, e o responsábel de Sanidade, Julio García Comesaña, compareceron esta sexta feira para explicar o seu plan. Na súa quenda, a encargada do departamento do que dependen as residencias explicou que haberá uns cribados semanais que implican “duplicar a frecuencia” actual.

En xeral comprobarase a situación con test de saliva e haberá casos nos que se completen os exames médicos con PCR “que se farán de forma aleatoria” na rede de centros residenciais existentes na Galiza.

García Comesaña engadiu que se van practicar test de antíxenos para os casos asintomáticos en todos os xeriátricos, xa que a Xunta mercou unha nova partida. Destacou que esta incorporación vai supoñer unha maior axilidade no control.

Estes terán unha comparación cos resultados da saliva en momentos puntuais.

Nas bautizadas como “residencias brancas” -aquelas onde non se detectou ningún positivo por Covid-19- levarase a cabo un cribado adicional con PCR de mostra nasofarínxea.

"Auditorías" de seguridade

Por outra banda, a responsábel de Política Social incidiu en que haberá “auditorías cada dúas semanas” para asegurar que nas infraestruturas están a cumprir “todos os protocolos de seguridade” e as medidas sanitarias “con rigor”.

O obxectivo desta iniciativa é “minimizar ao máximo os riscos da Covid-19 entre as residencias”. Preguntada sobre a posibilidade de que se estea a analizar a situación dalgún centro para ser intervido pola Xunta, García recordou que isto se produce cando hai un gromo e os criterios, quer clínicos, quer sociais, o aconsellan.