Saúde

Así se pode ver afectado o desenvolvemento de crianzas ante a exposición ás pantallas

Unha crianza usando unha pantalla dun dispositivo electrónico (Foto: Lubo Ivanko / Adobe Stock).
Aínda que as pautas pediátricas recomendan que se evite a visualización de pantallas en bebés menores de dous anos e se limite a unha hora por día entre as idades de dous e cinco anos, moitas nais e pais non seguen coas súas crianzas estas recomendacións.

Un estudo realizado por un equipo investigador xaponés, nunha gran mostra de nenos de entre un e tres anos, demostrou que unha maior exposición fronte ás pantallas na primeira infancia afecta negativamente o seu desenvolvemento posterior.

A investigación, que foi publicada en JAMA, realizouse sobre unha cohorte de 57.980 crianzas. A conclusión principal é que o maior tempo fronte a pantallas en nenos de 1 e 2 anos se asociou con puntuacións de desenvolvemento máis baixas que aos 2 e 3 anos, respectivamente; mentres que as puntuacións de desenvolvemento máis baixas asociáronse cun maior tempo fronte á pantalla en nenos con angustia psicolóxica materna.

Así, a asociación negativa entre o tempo fronte á pantalla e as puntuacións de desenvolvemento mantívose constante durante a infancia. En particular, atoparon unha asociación bidireccional entre o tempo fronte á televisión e as puntuacións de desenvolvemento no dominio da comunicación entre o ano e os dous anos de idade.

Ademais, observaron asociacións negativas entre o tempo fronte a pantallas aos 2 anos de idade e as puntuacións de desenvolvemento nos dominios de motricidade grosa, motricidade fina e persoal-social aos 3 anos de idade. E observouse unha asociación negativa entre a puntuación de desenvolvemento aos dous anos e o tempo fronte á pantalla aos tres anos no dominio da comunicación.

Os datos recompiláronse en colaboración con 15 centros rexionais de todo o Xapón. Realizáronse análises utilizando modelos de panel de retardo cruzado e de intercepción aleatoria para nenos de un a tres anos. Así mesmo, o estudo só avaliou televisión e DVD, pero non incluíu o uso de tabletas e teléfonos. E, por outra parte, sinala que non inclúe crianzas diagnosticadas con autismo, trastorno do desenvolvemento xeneralizado e síndrome de Asperxer.

Efectos adversos

Aínda que as pautas pediátricas recomendan que se evite a visualización de pantallas en bebés menores de dous anos e se limite a unha hora por día entre as idades de dous e cinco anos, moitas nais e pais non seguen coas súas crianzas estas recomendacións. O tempo excesivo fronte a unha pantalla en nenos menores de tres anos asóciase con efectos adversos no desenvolvemento cognitivo, da linguaxe, das habilidades motoras e do comportamento social.