Xoán Costa, presidente do Consello de Administración de Sermos Galiza S.A.

“Creo que contribuímos a xerar autoconfianza”

[Imaxe: Laura R. Cuba] Xoán Costa

O presidente e conselleiro delegado de Sermos Galiza S.A., Xoán Costa, dá conta do balanzo dos sete anos do medio e dos retos que a empresa enfronta coa próxima saída de Nós Diario.

Que balanzo fai dos sete anos de Sermos Galiza?

Penso que podemos falar, sen que iso soe a compracencia, dun balanzo positivo tanto desde o ponto de vista do crecemento da empresa e do asentamento dos produtos que oferece, quer os xornalísticos quer os bibliográficos, como da súa importancia na construción e expansión dun espazo galego de comunicación.

Cales considera que foron os obxectivos do medio nesta etapa?

Paréceme importante considerar estes obxectivos tendo en conta dous períodos de tempo diferenciados. Entre 2012 e 2016 o noso obxectivo foi estabilizar o número de subscricións ao semanario, consolidar unha maneira de facer xornalismo que respondese ao noso lema “de intereses galegos” e deixar de ter perdas económicas. No segundo período, sobre todo desde o quinto aniversario, o noso obxectivo virou para asentar as bases dun diario en papel, tal como é o proxecto de Nós Diario.

E os logros?

O logro fundamental foi, sen dúbida, comprobar que se queremos algo, neste caso un diario en papel, temos, como sociedade, capacidade para o conseguir. Desenvolvemos por toda a Galiza un intenso traballo centrado en dúas ideas: é posíbel (o diario en papel) e só depende de nós. Creo que contribuímos a xerar autoconfianza e os diálogos mantidos con centenares de persoas deron finalmente o seu froito.

Tanto Sermos Galiza como Nós Diario resultan dun proxecto desde a base, desde abaixo, no marco da pluralidade. Por que?

Sermos Galiza está configurada desde o inicio como unha entidade plural. Proba diso son as perto de mil persoas que conforman o accionariado da empresa e que nas Xuntas de Accionistas non só se aproban as contas e informes de xestión, senón que se definen liñas de actuación que despois o Consello de Administración procura levar a cabo. Nós Diario é tamén un proxecto comezado desde a base. As máis de cento setenta persoas que conforman o grupo impulsor, moitas delas en representación de entidades sociais, outras a título persoal, dan idea de que partimos dunha base social moi variada. Pero, por riba de todo, o feito de sustentarmos a nosa viabilidade económica nunha base de subscricións tan ampla é garantía de que ou somos plurais ou non seremos. Se o espazo galego de comunicación que queremos axudar a construír é plural, é nesa pluralidade que temos que medrar. E esa é a nosa vontade, medrar no espazo en que nacemos e ao seu servizo.