As e os usuarios de residencias de maiores na Galiza diagnosticados de Covid-19 volveron subir até situarse en 214, após notificárense 17 novos positivos: 10 asociados ao gromo do xeriátrico da Pastoriza, cinco ao centro de DomusVi Vimianzo e outros dous na residencia San Bartolomeu de Xove.
Ademais, segundo consta no parte diario que elaboran as Consellarías de Sanidade e de Política Social, con datos actualizados a última hora da xornada anterior, outros sete anciáns retiráronse da listaxe por curarse do coronavirus: tres en DomusVi Vimianzo, un no Hospital Asilo San Sebastián e San Lázaro de Ribadeo, un en San Bartolomeu, un na residencia Pontevedra de Vilaboa e outro en Monte Trega da Guarda.
Deste modo, a cifra global de maiores con Covid-19 en xeriátricos galegos subiu nunha decena nas últimas 24 horas, até os 214, aínda que hai máis de dúas semanas, nos días anteriores a Noiteboa, baixaran do centenar.
Nos datos desta sexta feira, 8 de xaneiro, o centro DomusVi Vimianzo continúa como o máis afectado da Galiza, que xa conta cun total de 72 usuarios infectados. Ségueno, aínda que de lonxe, a residencia Paz y Bien de Tui, con 33; e a San Bartolomeu de Xove, con 24.
Tamén contan con grupos de anciáns contaxiados a residencia de Ribeira -que de feito xa iniciara a campaña de vacinación-, con 19 casos activos; a da Pastoriza, con 18; a Residencia Hospital Asilo de Ribadeo, con outros 18; e a Moledo de Vigo, con 11.
Por baixo da decena de maiores infectados está o xeriátrico Santa Teresa Jornet da Coruña, que ten 7; o CRAPD Vigo II, con 4; A Saleta de San Cristovo de Cea, tamén con 4; e outros catro centros cun caso cada un: a Residencia de Maiores de Burela, os Apartamentos Tutelados San Bartolomeu de Xove, o Monte Tegra da Guarda e a Vila do Conde de Gondomar.
Persoal contaxiado
En canto ás e aos traballadores dos xeriátricos, o cómputo de positivos ascendeu a 94 despois de detectarse outros seis casos de Covid-19 nas últimas horas. Concretamente, trátase de tres empregados de DomusVi Vimianzo, un de DomusVi Monforte, un da residencia de Burela e outro da Quercus de Leiro.
Por centros, o persoal máis afectado nos datos é a DomusVi Vimianzo, cun total de 20, seguida da Bartolomeu de Xove, con 12. O resto de centros que aparece na listaxe está por baixo da decena.