Créase unha consulta de endometriose no CHUOU

CHUOU [Imaxe Copasa]

Foi impulsada pola área de Xinecoloxía e Ostetricia e ten como obxectivo centralizar a atención médica das mulleres con esta doenza.

O Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUOU) conta desde o 15 de marzo cunha consulta especializada para o tratamento de endometriose dirixida polo xefe de servizo de Xinecoloxía e Ostetricia, José Luís Doval. Xunto coa unidade de Vigo asumen o tratamento e seguemento das mulleres con endometriose porén, desde a asociación querENDO parabenizan a iniciativa mais denuncian que "o Sergas non actúa como enlace das distintas áreas sanitarias" o que impide a moitas doentes acceder a estas unidades especializadas. 

"O problema é que nas áreas onde non hai unidades non se crea relación con outras para que poidan ser derivadas as mulleres"

O obxectivo do CHUOU é "centralizar" neste espazo as mulleres "que teñan endometriose complexa, profunda, mulleres mozas que van ser sometidas a cirurxía para valorar a conservación da capacidade reprodutiva" xunto con aquelas que xa pasaran por cirurxía "para facer o seu seguemento", sinala José Luís Doval, en declaracións recollidas por La Región. 

Para iso estabelecerase un "protocolo" que, no entanto, fica pendente de desenvolver nas áreas sanitarias do resto do país. "O problema é que nas áreas onde non hai unidades non se crea relación con outras para que poidan ser derivadas as mulleres", explica Iria Villar da asociación querENDO en conversa con Sermos Galiza

Aliás, "existe unha guía que se comprometeron [a Xunta] a distribuír" entre os puntos de atención primaria e especialistas mais que "non sabemos se o fixeron". De ser así, denuncia Iria Villar, "estamos no mesmo con diagnoses serodias". 

Acordo da Comisión de Sanidade 

Desde querENDO lembran que en abril de 2015 a Comisión de Sanidade foi aprobada unha proposición na que instan o goberno galego a se mover pola endometriose na que se acorda trasladar ao goberno galego a necesidade de "difundir a Guía de coidados" redactada polo Ministerio español de sanidade e asuntos sociais á fin de mellorar a atención sanitaria que reciben as doentes de endometriose e ás que, entre outras cuestións, se lles insta a aguantar a dor pola identificaren coa mestruación. 

"Queda moito por facer" afirman desde a asociación querENDO que reclama a creación dunha unidade multidisciplinar

Así mesmo, defenderon a creación de grupos de traballo multidisciplinares para avaliar a posta en andamento dun plan de detección precoz da doenza; levar a cabo a creación de unidades de endometriose específicas nos hospitais públicos; e facilitar as derivacións incluíndo áreas sanitarias fóra de Galiza. Para isto é preciso o desenvolvemento de protocolos de actuación. 

A proposición incluía fomentar o coñecemento da enfermidade entre as mulleres particularmente entre as menores de 25 anos e promover a investigación nos Institutos de Investigación Sanitaria de Galiza. 

Porén, desde aquela non volveron a ter novas da súa aplicación. 

A creación da consulta de Ourense é "un paso adiante" mais como asociación desde querENDO entenden que "resta moito por facer".