Saúde

Este test detecta en poucos minutos a presenza de burundanga e outras drogas en mostras de saliva e bebidas

#lecer #lecernocturno #lecer_nocturno #discoteca #alcol #festival #festa #submisión_química (Foto: Astrosystem)
As agresións sexuais con submisión química representan un de cada cinco casos denunciados.

Un equipo da Universitat Politècnica de València (UPV) e do Centro de Investigación Biomédica en Rede de Bioenxeñaría, Biomateriais e Nanomedicina (CIBER-BBN), en colaboración co Instituto BAM de Berlín, vén de desenvolver un novo test que permite detectar de forma "rápida, sinxela e barata" a presenza de burundanga e droga caníbal, a través dunha mostra de saliva ou ben diluída en calquera bebida.

De feito, segundo recentes estudos, as agresións sexuais con submisión química das vítimas supoñen xa 20,9% dos casos. A principal droga utilizada nestas violacións é o alcol, aínda que os agresores empregan tamén outras substancias psicotrópicas, como a escopolamina (SCP), máis coñecida como burundanga, que é moi difícil de detectar porque o seu rastro desaparece de forma moi rápida no organismo.

O novo test ideado polos investigadores do Instituto IDM da UPV, o CIBER-BBN e o BAM permite detectala rapidamente, "en apenas quince minutos". Para iso, deseñouse unha tira reactiva sobre a que se deposita un nanosensor baseado en nanopartículas cargadas cun indicador fluorescente (rodamina B) e funcionalizado cunha porta molecular que responde especificamente á presenza do estupefaciente.

Para a súa lectura utilízase algo tan cotián como un teléfono móbil. "Cun móbil e en menos dun cuarto de hora poderemos saber se houbo un intento de agresión sexual por submisión química con esta droga. Para iso abondará con tomar unha pequena mostra de saliva ou da bebida e mergullar a tira; se hai droga, o nivel de fluorescencia aumentará rapidamente, debido á liberación do colorante do nanosensor depositado. Unha vez transcorridos os 15 minutos tómase unha foto co teléfono móbil onde, comparándoo cunha mostra que non contén o estupefaciente, pódese comprobar verdadeiramente a presenza de burundanga", explicou a investigadora do Instituto IDM Eva María Garrido García.

Alén de para a detección de burundanga, o test desenvolvido polo equipo da UPV, o CIBER-BBN e o BAM permite detectar MDPV (metilendioxipirovalerona), a chamada droga caníbal, de forma simultánea e usando a mesma mostra de saliva ou bebida. Tamén podería ampliarse a outras substancias.

"A substancia psicoactiva máis comunmente asociada ás agresións sexuais con submisión química é o alcol, pero hai drogas en circulación que poden chegar a incapacitar a vítima. Entre elas está a droga caníbal, pero tamén a ketamina, o GHB ou o flunitrazepam. O noso sistema, grazas á súa versatilidade, pode adaptarse tamén para a detección destas e outras substancias en mostras líquidas. E o que é máis importante, en calquera dos casos, pode ser utilizado por calquera persoa, sen necesidade de ter un coñecemento experto", destacou o investigador Ramón Martínez Máñez.

O equipo do IDM e o CIBER-BBN validou estes novos test en diferentes ensaios de liberación cinética desenvoltos nos seus laboratorios da Universitat Politècnica de València e en colaboración co Bundesanstalt für Materialforschung und-prüfung (BAM) de Berlín.