O CPXG exixe á Editorial Compostela o pagamento dos salarios debidos ao persoal de 'El Correo Gallego'

Nave de 'El Correo Gallego'. (Foto: El Correo Gallego)
O Colexio de Xornalistas lembra que "o mantemento dunhas condicións de traballo dignas é imprescindíbel para o exercicio do bo xornalismo".

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas da Galiza (CPXG) emitiu na quinta feira un comunicado no que exixe á Editorial Compostela, empresa editora de El Correo Gallego, o pagamento de todos os salarios atrasados aos integrantes do cadro de persoal do xornal.

O CPXG lamenta a situación de El Correo Gallego despois de que Editorial Compostela declarase a súa insolvencia ante os débitos acumulados durante anos e entrase en concurso de acredores.

Porén, demanda que todas as nóminas sen pagar durante estes meses sexan remuneradas coa maior celeridade posíbel. Ademais, tamén pide que se manteña todo o cadro de persoal actual unha vez se consume a compra da cabeceira, para a que xa existen varios candidatos e candidatas.

 No seu escrito, o Colexio de Xornalistas lembra que "o mantemento dunhas condicións de traballo dignas é imprescindíbel para o exercicio do bo xornalismo. Resultaría completamente inaceptábel que as persoas que mantiveron o xornal co seu esforzo non recompensado visen agora unha vez máis relegados os seus salarios". 

Creba de El Correo Gallego

Após anos de grave crise, Editorial Compostela, propietaria da cabeceira El Correo Gallego, solicitou a entrada en concurso de acredores e mais a apertura da fase de liquidación. Unha operación vinculada, segundo puido saber Nós Diario, a unha oferta de compra por parte dun empresario galego.

Segundo o auto publicado esta quinta feira, e contra o que cabe recurso, o Xulgado do Mercantil número 2 da Coruña o encargado de declarar en concurso de acredores a empresa, a petición desta, debido ao seu estado de insolvencia. Será agora a administración concursal, nomeada pola xuíza, a encargada de continuar todo o proceso.

Os acredores deberán comunicar á administración concursal a existencia dos créditos no prazo dun mes.

Tamén a petición da empresa, o xulgado decretou a apertura da fase de liquidación, de maneira que suspendeu a capacidade de administración e disposición de Editorial Compostela sobre o seu patrimonio.

Na mesma liña, acordou a disolución da empresa e o cesamento dos administradores sociais, que son substituídos polos administradores concursais, que deberán “incluír necesariamente o inventario da masa activa do concurso e avaliar o efecto sobre as masas activa e pasiva do concurso da resolución dos contratos que estivese prevista no plan de liquidación”.