Covid: As residencias abeiran as 560 infectadas após dez novos contaxios na DomusVi de Ribeira

Dous traballadores sanitarios nunha residencia de maiores da Galiza. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
Hai 362 usuarias enfermas, das que gran parte pertencen ás DomusVi de Ribeira e Vimianzo, á Paz e Ben de Tui e aos xeriátricos da Pastoriza, Santa María de Verín e Quercus de Leiro.

As e os afectados polo coronavirus nas residencias de maiores veñen de incrementarse novamente pola suma de 11 persoas infectadas na DomusVi de Ribeira. Con esta cifra, malia a baixa por dar negativo en novas probas de varias persoas, as doentes son xa 557.

A Consellaría de Política Social informa, en concreto, de 362 usuarias afectadas, así como 195 traballadoras de múltiples centros.

A día de hoxe o foco máis grande pasou a ser o da DomusVi Ribeira con 69 enfermas entre as súas residentes, mentres que a Paz e Ben de Tui fica con 62 casos activos. En terceiro lugar estaría a DomusVi Vimianzo, que tras varios falecementos, aínda ten 45 positivos.

Tamén teñen balances preocupantes na instalación da Pastoriza (30), o Fogar Santa María de Verín (31), a Quercus de Leiro (27) e a Santa Teresa de Jornet na barrio de Eirís, na Coruña (15).

Así mesmo, na DomusVi de Carballo teñen síntomas ou están contaxiadas (aínda que sexan asintomáticas) 13 persoas e na San Bartolomeu de Xove fálase da baixada até a ducia de usuarias, se ben nos apartamentos hai outros catro casos.

En Arzúa, entre os apartamentos tutelados e a San José hai 20 infectadas polo virus. As cifras máis altas están tamén na San Sebastián e San Lázaro de Ribadeo (8) e na infraestrutura Mi Casa de Pazos de Borbén (7). O resto distribúense noutros 8 xeriátricos.

En canto ao cadro de persoal, hai 53 centros de traballo afectados, pero a peor parte tocou á Paz e Ben de Tui (25); Pastoriza (23); e DomusVi Vimianzo e DomusVi Ribeira (con 20 en cada caso). Nas instalacións de atención á discapacidade teñen a Covid-19 30 usuarias e 11 empregadas.

Posíbel intento de estafa

Por outra parte, transcendeu que a Garda Civil investiga un posíbel intento de estafa na residencia de maiores Os Arcánxeles de Teo, onde recibiron unha chamada dun varón que ofrecía vacinas da Covid-19 previo pago de 2.400 euros.

A directora do centro residencial, Isabel Patiño, explicou a Europa Press que os feitos decorreron sobre as 22.30 horas cando o home afirmou que ía cara a infraestrutura con 35 doses. "Controlaba o número de pacientes, o meu nome... Tiñan feito unha investigación", comentou Patiño.