Covid: A Xunta remóntase dez días atrás para comunicar 37 mortes

Imaxe de arquivo da campaña de vacinación nas residencias da Coruña. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
É a segunda cifra máis elevada da que se alertou no que vai de pandemia, se ben hai que ter en conta que reflicte a afección do virus durante varios días. Estas novidades coinciden co incremento dun foco de contaxio noutra residencia de DomusVi, neste caso en Laraxe. Aliás, a mala evolución atópase opacada pola vacinación da conselleira delegada da compañía fóra da súa quenda.

A Consellaría de Sanidade informou hai escasos momentos de 37 novos falecementos debido ao coronavirus, o que eleva o número de vítimas na Galiza ás 1.880. Como vén sendo habitual nas últimas xornadas, as autoridades sanitarias volven botar a vista atrás para repasar decesos con até dez días de retraso dificultando cada vez máis un reconto da situación por parte da opinión pública.

Esta cifra, malia corresponderse con varios días, é a segunda peor desde que a pandemia comezou a notarse no país en marzo do ano pasado. Na segunda feira desta semana informábase de 40 óbitos, tamén en varios días.

Neste caso, do cómputo global en principio só seis persoas tiñan relación coas residencias de maiores e outra perdeu a vida na súa casa. Todas, iso si, padecían enfermidades previas. Tamén hai que ter en conta que en días atrás xa se notificaron outras mortes nos xeriátricos con atraso polo que a realidade non é exactamente como a estabelece esta noite Sanidade.

Por exemplo, Saúde Pública validou hoxe que un home de 93 anos da Paz e Ben de Tui finou por coronavirus o 22 de xaneiro. Ademais, outro defunción dun varón de 77 anos veciño de Tui tivo lugar o 28 de xaneiro.

A maiores, o día 30 do mes pasado, un usuario da Nosa Señora do Carme de Sarria que tiña 87 anos foi incapaz de superar a infección e o mermo lle sucedeu a unha doente de 92 que estaba ingresada no hospital da Rosaleda, en Compostela, o día 31. Así, polo momento, sábese que en xaneiro o virus deixou 406 vítimas.

No que vai de febreiro

No mes en curso decorreron 17 pasamentos ademais dos que se trasladaran aos medios onte. En concreto, tres dos falecementos foron de usuarias das residencias de Nosa Señora do Carme de Sarria (92 anos), Pai Menni de Betanzos (55) e Ribadeo (84).

A estas, producidas o día dous, hai que sumar outras seis notificacións desde o Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac) de pacientes de 86, 93, 80. 82, 87 e 92 anos. No hospital de Ferrol perderon a vida tres varóns de 72, 73 e 77 anos. No complexo hospitalario ourensán as equipas sanitarias non foron quen de salvar a vida dun home de 75 anos e unha muller de 77 e outro paciente de 78 anos faleceu no Hospital de Pontevedra.

Xa na xornada de hoxe contabilizáronse 16 defuncións. En concreto, as autoridades falan dun residente da DomusVi de Laraxe, en Cabanas, de 84 anos. Tamén de catro vítimas rexistradas no Chuac de 83, 60, 73 e 79 anos. En Ourense finaron un enfermo de 89 anos e tres infectadas de 79, 80 e 90. No Clínico de Compostela sumáronse dous doentes de 85 e 91 anos e no hospital ferrolán dous varóns de 79 e 89 anos.

Desde o Álvaro Cunqueiro comunicáronse dous mortes tamén de homes de 72 e 83 anos e a última persoa foi unha muller de 95 anos que estaba sendo atendida no CHOP.

Evolución dos contaxios nas residencias

En contra desta preocupante evolución, os cribados indicaron que o número de persoas afectadas nos centros residenciais baixou un pouco. Hai 410 usuarios que son positivos e 209 membros dos cadros de persoal que teñen a Covid-19 activa.

Se ben hai outros centros con maior incidencia, hoxe destaca a subida do foco da DomusVi de Laraxe, pois incorporáronse ao balance 14 residentes e dúas traballadoras. Isto fai que xa sexan 31 as afectadas.

Da cadea DomusVi, que hoxe volve estar no centro da polémica, hai polo menos dez infraestruturas con casos activos. No entanto, o escándalo de hoxe foi que se deu a coñecer a nova de que a súa conselleira delegada, Josefina Fernández, e o seu irmán foron vacinados pola Xunta antes de que chegase a súa quenda.