Covid: A Xunta notifica 16 novos falecementos a consecuencia da pandemia

Imaxe dun paciente na UCI do Isabel Zendal. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
Entre a terza e a cuarta feira finaron 30 persoas e na segunda feira comunicáronse 24 pasamentos de infectadas polo coronavirus que decorreron ao longo da fin de semana. A cifra de mortos xa está en 1.566.

Desde que comezou a pandemia morreron na Galiza 1.566 persoas polas complicacións provocadas pola Covid-19. É dicir, se os pasamentos fosen unha constante estábel ao longo dos días, a media de vítimas sería dunhas cinco persoas cada xornada. Estas estimacións, con moitos nomes e historias detrás, fan máis visíbel a realidade da pandemia, algo que tamén se pode detectar en xornadas como a desta cuarta feira, cando a Consellaría de Sanidade notificou 16 pasamentos.

As autoridades sanitarias concretaron que do total de óbitos contabilizados hoxe, polo menos cinco estaban vinculados coas residencias de maiores, que teñen unha das situacións máis preocupantes a pesar do incremento dos controis e o inicio da campaña de vacinación neses espazos.

En concreto, no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) perderon a vida un home de 88 anos e unha muller de 89. No Hospital de Compostela os equipos sanitarios tampouco puideron facer nada por salvar a dúas doentes de 84 e 85 anos e un paciente de 90.

No complexo sanitario pontevedrés decorreron os falecementos dun varón de 80 anos e unha enferma de 81, mentres que no Álvaro Cunqueiro trasladaron o nome de dous defuntos (un home de 77 e outro de 83 anos de idade). Ademais, en Povisa tivo lugar o óbito doutros dous varóns, neste caso de 56 e 84 anos.

No cómputo global tamén houbo vítimas nos centros residenciais. Precisamente implicaron a usuarias dalgúns dos xeriátricos con focos máis grandes. Por exemplo, no hospital olívico morreu unha residente de 96 anos da Paz e Ben de Tui e no Lucus Augusti notificouse o deceso dun home de 95 anos que fora trasladado desde a infraestrutura da Pastoriza.

Xa nas propias instalacións finaron dúas mulleres de 80 e 87 anos (Santa María de Verín) e unha terceira de 91 anos na DomusVi de Vimianzo.

Estes non foron os únicos óbitos vinculados ás residencias no que vai de semana. Onte incorporábanse 14 persoas á listaxe de vítimas do coronavirus e oito delas vivían neste tipo de instalacións. A nivel global, en só dúas xornadas a Covid-19 cobrouse a vida de 30 persoas. A pasada segunda feira a Xunta tamén notificou un balance de 24 finadas entre esa propia xornada e a fin de semana.