Covid: A xerencia da área sanitaria de Ourense alerta de que a situación é "moi preocupante"

Un cribado entre a mocidade de Ourense. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
O responsábel desta demarcación, Félix Rubial, destaca que o número de casos activos na actualidade "multiplica por 10 os existentes a principios do mes de xuño".

O xerente da área sanitaria de Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras, Félix Rubial, volveu insistir nesta segunda feira na mala situación que vive a zona respecto da pandemia. O experto aludiu a unha realidade "moi preocupante" ao ter estatísticas de que existen "máis de 2.000 casos activos".

"Multiplica por dez os existentes a principios do mes de xuño", subliñou Rubial, que fala de que a área sanitaria ten só 16 municipios nos que non hai ningún caso da Covid-19 activo. A presión asistencial é de 36 persoas ingresadas en distintas unidades, entre elas catro na UCI.

A presión asistencial é de 36 persoas ingresadas en distintas unidades, entre elas catro na UCI.

Ao aludir a media de idade das doentes, Rubial destaca que é de 59 anos pero detecta que "paulatinamente" este parámetro vai mudando. "Podemos dicir que o 40% dos casos activos hospitalizados é en persoas de máis de 70 anos", afirma.

Ademais, comentou que o maior número de contaxios prodúcese fundamentalmente en tres comarcas: na de Ourense e Barbadás, que se comportan como un único núcleo que concentra o 65% dos casos; e nas do Barco de Valdeorras e O Carballiño, onde tamén se produciu un aumento dos casos activos. Nas tres, están a estenderse os casos aos concellos limítrofes.

Dada a situación, o Sergas prepara cribados e o xerente demanda á cidadanía de entre 16 e 35 anos que acuda a facer as probas.

"Esperamos seguir nesta liña, en busca da tan ansiada inmunidade de grupo, conforme nos vaian chegando máis vacinas para poder administralas", destacou respecto ao estado da campaña de vacinación.